A Sociedade Ximnástica acada unha medalla de prata no nacional júnior de pista cuberta

Jorge Puig coa medalla
O atleta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, Jorge Puig conseguiu a súa primeira medalla nun Campionato de España, cunha presea de prata nos 1.500 metros do Campionato Júnior de pista cuberta que se celebrou en Valencia
O xoven atleta pontevedrés debutou na categoría júnior, tras o cuarto posto que conseguira o ano pasado na súa última tempada como xuvenil no nacional de pista cuberta.
O pupilo de Pablo Díaz, que chegaba a Valencia cunha marca de 3.58, tivo que correr moito nas semifinais para rematar terceiro na súa serie cun tempo de 4.01, que lle valeu o pase á final. Na final Jorge saíu á cola do grupo para non ter problemas de golpes e enganches cos seus rivais, pero a falta de 600 metros tirou para adiante e xunto co gañador rebentaron a carreira e fóronse a polas medallas. Cun rexistro de 3.59.30, conseguiu o segundo caixón do podio.
A nota triste foi a actuación do seu compañeiro Darío Costas, que ameazaba con loitar polas medallas no Heptatlon. Na terceira proba da combinada, o lanzamento de peso, tivo unha caída desafortunada cando intentaba evitar un nulo e que lle xerou unhas molestias físicas que o obrigaron a abandonar. Mala sorte para o pupilo de Santi Ferrer, que seguro irá con máis ganas ao Campionato estival da categoría júnior.











