A segunda xornada de demografía céntrase na conciliación e flexibilidade empresarial
A directora xeral de Familia e Inclusión, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, inaugurou hoxe en Lugo a segunda das xornadas provincias sobre demografía que a Consellería de Traballo e Benestar está a organizar nas catro provincias. ‘Conciliación, demografía e empresa’ é o título desta iniciativa que ten como obxectivo establecer sinerxías entre administracións e axentes sociais e económicos, unha “tarefa esencial” na loita contra a crise demográfica.
González destacou que “falar do reto demográfico e intercambiar ideas é o primeiro paso para darlle unha solución á problemática demográfica”, que existe en Galicia, lembrando que “co ritmo actual, dentro de 35 anos, Galicia podería ter menos habitantes dos que tiña en 1990”.
A directora xeral explicou que a Xunta está a expoñer esta problemática en diferentes foros como o Senado, o Comité das Rexións en Bruxelas, xornadas internacionais, ante Comisarios europeos, e ante responsables doutras rexións da UE.
Ademais de expoñer a situación, lembrou que se conseguiron outros logros relevantes como activar a Comisión de demografía no Parlamento galego; realizar a Enquisa sobre o cambio demográfico; poñer en marcha do primeiro Plan de dinamización demográfica de Galicia, que xa está executado nas súas dúas terceiras partes; ou liderar a creación dun Foro de rexións con desafíos demográficos (FREDD) xunto con Asturias, Castela e León, Castela A-Mancha, Estremadura e Aragón.
A xornada que se celebra hoxe céntrase especialmente na conciliación e a empresa, un aspecto, que segundo recalcou, é “fundamental”. Neste senso, apuntou que Galicia, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, forma parte da Comisión nacional para a racionalización de horarios españois, que promove medidas para conseguir uns horarios laborais que permitan a conciliación e a calidade de vida dos traballadores e traballadoras.
A responsable da área autonómica, ademais, deixou claro que o Goberno galego sigue a poñer a disposición das persoas que desexen ser pais e nais “todas as facilidades, apoios socioeconómicos e instrumentos de conciliación necesarios”.
Neste sentido, explicou que os expertos coinciden en que as actuacións en materia de conciliación da vida laboral, familiar e persoal “son as máis efectivas” para lograr o fomento da natalidade. De feito, hai estudos realizados en países do contorno que vinculan directamente o aumento da ratio de cobertura de escolas infantís públicas co incremento do índice sintético de fecundidade.
Apoio á natalidade
O Goberno galego ten centrado gran parte dos seus esforzos en iniciativas relacionadas con esta materia. Entre outras, González citou o incremento dun 70% das prazas (3.800 máis en termos absolutos) en escolas infantís nos últimos cinco anos; e o aumento da dedución fiscal ata os 1.200 euros anuais no caso do segundo fillo e ata os 2.400 no caso do terceiro ou sucesivo. Este incremento farase extensivo ás familias galegas que non teñen obriga de presentar a declaración da renda e que tampouco a presenten voluntariamente, xa que percibirán unha contía equivalente á dedución fiscal. Deste xeito, Galicia situarase á cabeza de todas as autonomías en beneficios fiscais en materia de natalidade.
Lembrou tamén a futura posta en marcha nos próximos meses do Observatorio galego de dinamización demográfica, cuxo obxectivo é converterse nun centro de referencia a nivel rexional e pioneiro a nivel estatal.
Tamén se ten incluído, de forma pioneira, un módulo transversal optativo nos cursos de formación para o emprego en materia de sensibilización demográfica.
Ademais, González salientou que a Xunta está poñendo en marcha mecanismos para favorecer a conciliación do persoal da Administración autonómica, como a flexibilidade horaria ou o teletraballo, aos que xa se teñen acollido máis de 7.000 empregados públicos.
Xornadas provinciais
A xornada celebrada hoxe en Lugo é a segunda das que se van organizar nas catro provincias. A seguinte terá lugar en Ourense o 26 de marzo, e en Pontevedra terá lugar ao día seguinte, o 27 deste mesmo mes.
No foro de hoxe están a participar como relatores José Díaz Canseco, coordinador xeral de Arhoe en Asturias e socio director de Thehuman Touch; María Álvarez de las Asturias Bohorques, directora do Instituto de Orientación Familiar e Persoal Coincidir e directora en Madrid da Fundación Desenvolvemento e Persoa; Marisa Cruzado, fundadora da consultora Comunicación de Valor Añadido (CVA) e dos Premios Empresa Flexible; Mónica Rodríguez Ponte, secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia; e Lourdes Pardo, secretaria xeral adxunta da Confederación de Empresarios de Lugo.











