publicidade hoxe

A reforma do mercado de Pontedeume potenciará o atractivo turístico da vila e impulsará a economía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontedeume
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a reforma do mercado de Pontedeume, na que Xunta, Concello e Deputación da Coruña investirán 1,6 millóns de euros, vai contribuír ao desenvolvemento económico da vila, beneficiando a todo o sector comercial e impulsando o papel da praza de abastos como parte do atractivo turístico da localidade.

Neste sentido, Conde destacou que a cooperación institucional vai permitir a rehabilitación integral dun dos símbolos máis importantes de Pontedeume, e que a localidade conte cunha praza que sexa un referente. O mercado eumés é un exemplo de como os mercados de abastos e o comercio forman parte do patrimonio común, e vertebran a vida das vilas e cidades, e está chamado a ser un exemplo do camiño que a Consellería de Economía e Industria está a percorrer xunto cos concellos galegos para potenciar as prazas. O obxectivo deste trabalo é consolidalas como líderes na venda de produtos frescos e de calidade, dando resposta ás novas necesidades dos consumidores ao tempo que se mantén a súa esencia: a calidade, a diversidade e a atención ao cliente.

Os mercados teñen un valor estratéxico para o comercio de proximidade, polo que a Xunta ten facilitado nos últimos anos actuacións en máis de 80 mercados, con apoios que superan os 17 millóns de euros. Ademais, a Consellería de Economía e Industria está a traballar na posta en marcha da Rede de Mercados Excelentes, á que podería unirse no futuro a praza eumesa.

O apoio ás prazas de abastos é un dos eixos específicos da estratexia de apoio ao sector comercial da Consellería de Economía e Industria, que no que levamos de ano leva activados programas de apoio por 7,6 millóns de euros, centrados ademais de no impulso aos concellos na mellora dos mercados, no respaldo ao asociacionismo comercial, a innovación e a modernización.

17 de marzo de 2015 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.