A reforma da praza de abastos de Vilagarcía dará un novo pulo a un dos centros neurálxicos da vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou esta tarde en Vilagarcía de Arousa que a reforma do mercado de abastos da localidade lle dará un novo pulo a un dos centros neurálxicos da vila, contribuíndo á dinamización económica do concello.

Conde, que asinou co alcalde vilagarcián, Tomás Fole, un acordo de colaboración polo que a Xunta se compromete a achegar 240.000 euros para as melloras que se van poñer en marcha no mercado, sinalou que se trata dunha actuación moi importante para Vilagarcía na que se espera que se impliquen todas as partes, e remarcou os beneficios para praceiros, comerciantes en xeral e cidadanía.

Neste sentido, o conselleiro remarcou que a Xunta aposta polas prazas de abastos como verdadeiros centros de negocios con espazo e servizos comúns para todos os que nelas desenvolven a súa actividade; como eixos vertebradores para todo o sector comercial; e como un auténtico servizo público, achegando os mellores produtos, converténdose nun referente da cultura e do patrimonio, e unha mostra do que Galicia pode ofrecerlle aos seus visitantes.

Os mercados teñen un valor estratéxico para o comercio de proximidade, e por iso a Consellería de Economía e Industria facilitou nos últimos anos actuacións en máis de 80 mercados, con apoios que superan os 17 millóns de euros. Ademais, estase a traballar na posta en marcha da Rede de Mercados Excelentes.

O apoio ás prazas de abastos é un dos eixes específicos da estratexia de apoio ao sector comercial da Xunta, que no que levamos de ano leva activados programas de apoio por 7,6 millóns de euros, centrados ademais de no impulso aos concellos na mellora dos mercados, no apoio ao asociacionismo comercial, a innovación e a modernización.

30 de marzo de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.