A profesora Ana Blanco achegará a alumnos da ESO a obra de Rosalía de Castro
A Biblioteca Municipal de Vilagarcía reúne nun mesmo acto as conmemoracións do Día da Poesía e do nacemento de Rosalía de Castro. A actividade celébrase o mércores, 25 de abril no vestíbulo das dependencias culturais e consistirá nun encontro entre un grupo de alumnos de ESO de Vilagarcía e a profesora e membro da Fundación Rosalía de Castro, Ana Blanco.
Debido a que este ano o Día da Poesía (21 de marzo) recaeu en sábado, a Biblioteca Municipal decidiu pospoñer a súa conmemoración para o día 25, data na que se pechan os actos conmemorativos doutra importante efeméride: a do nacemento de Rosalía de Castro. Por iso, reuniron as dúas temáticas nun mesmo acto, de feito que o Día da Poesía celebrarase o mércores cun encontro entre alumnos de ESO e a profesora Ana Blanco Gómez, que achegará aos estudiantes ao mundo dos versos a través da figura e a obra de Rosalía de Castro. Non en van, a profesora é unha das grandes coñecedoras da autora de Cantares Galegos. De feito forma parte do comité executivo da Fundación Rosalía de Castro dende hai 27 anos.
O acto celebrarase a partir das 12 do mediodía no vestíbulo da biblioteca, onde está exposta a exposición que a Biblioteca organizou en homenaxe a Rosalía e que se clausura ese mesmo día.