A Policía Local de Mos recupera un vehículo que lle fora roubado a un veciño do Porriño
A Policía Local de Mos informou hoxe da recuperación dun vehículo roubado durante a madrugada do pasado domingo, día 8 de marzo. Tratábase dunha furgoneta isotérmica que axentes da Policía Local atoparon onte pola mañá mal estacionada e cunha porta aberta no Camiño do Castro, parroquia de Petelos, na zona de San Eleuterio.
Tras o achado, a Policía consultou a base de datos da Garda Civil para comprobar se o automóbil en cuestión figuraba como substraído. Constatando que non era así, procederon a localizar ó propietario titular do vehículo, un veciño do Porriño que, descoñecendo que a furgoneta lle fora substraída, afirmaba que a tiña correctamente estacionada na Rúa Xogo da Ola no Porriño.
A continuación, o titular do vehículo presentou a correspondente denuncia, tras a cal a Policía Local de Mos instruiu as dilixencias oportunas a fin de averiguar a identidade do autor do presunto roubo. A este respecto, fontes da Policía mosense, informaron esta mañá de que teñen pistas respecto do presunto autor, pero atópanse aínda traballando para localizalo e proceder á detención.
Pola súa banda o propietario da furgoneta, veciño a limítrofe localidade do Porriño, xa ten no seu poder o seu vehículo, que recuperou onte mesmo tras presentar a pertinente denuncia e que a Policía Local de Mos realizase as dilixencias oportunas e a necesaria inspección ocular do automóbil.











