A Policía Local da Coruña participa nunha campaña para concienciar sobre o uso do cinto de seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O departamento municipal de Mobilidade e Seguridade Cidadá, a través da Policía Local, participa dende hoxe, luns 9 de marzo, nunha nova campaña especial sobre o cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil (SRI) organizada pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT). Esta iniciativa realízase durante esta semana, ata o próximo domingo, día 15.

O Concello da Coruña, que mantén unha estreita colaboración coa DGT, participa nesta nova campaña que afianza o compromiso do Goberno municipal de apostar por unha mellor coordinación co resto de administracións para garantir unha maior seguridade en materia de mobilidade.

A Policía Local destaca que o uso de mecanismos de retención homologados é o sistema de seguridade vial máis sinxelo, rendible e eficaz en todo tipo de vías e traxectos. En 2013, nas vías interurbanas, o 22% dos falecidos usuarios de turismos e furgonetas non utilizaba o cinto de seguridade, e nas vías urbanas, dos 75 falecidos, 21 tampouco usaban cinto. En canto aos feridos graves, en vías interurbanas non utilizaban cinto o 10%, mentres que nas urbanas esa porcentaxe subía ata o 20%.

Ademais, séguese constatando que o uso do cinto de seguridade en vías urbanas é inferior ao seu uso en interurbanas (un 8% menos). De feito, non utilizar o cinto nos asentos traseiros aumenta ata 8 veces a probabilidade de que, nun choque frontal, un ocupante destas prazas golpee mortalmente outro pasaxeiro dos asentos de diante. Ademais, o cinto de seguridade reduce á metade o risco de morte en caso de accidente, alcanzando a súa máxima efectividade nos xiros, onde se rebaixa un 77% o risco de morte.

O Concello da Coruña subliña a importancia de colaborar coa DGT, pois a circulación na cidade é o primeiro dos escenarios onde o condutor inicia a adquisición de hábitos e costumes e onde o incumprimento da lei sobre cintos de seguridade é maior que en estradas interurbanas.

A área de Mobilidade e Seguridade Ciudadana informará dos resultados obtidos durante os controis á Dirección Xeral de Tráfico, que á súa vez remitirá ao Concello os informes e as conclusións finais da campaña.

A Policía Local colabora coa DGT nas campañas que teñen como obxectivo mellorar a seguridade en estrada. Así, en 2013 xa participou en dúas iniciativas de similares características á que se realiza esta semana; e este mesmo ano, o pasado mes de febreiro, colaborou nunha campaña especial de vixilancia e control de camións e furgonetas.

9 de marzo de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.