A Omix de Vilagarcía informa do prazo de inscrición para os campamentos de verán
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello, informa aos mozos e mozas de Vilagarcía de entre 9 e 17 anos sobre a convocatoria de campamentos xuvenís da Campaña de Verán 2015 da Xunta de Galicia. O prazo de inscrición ábrese mañá, 25 de marzo e o trámite poderá realizarse ata o 8 de abril. Os campamentos son de diferente contido e celebraranse durante os meses de verán en distintos albergues das catro provincias galegas e mesmo noutras comunidades. Os prezos dependen da actividade e días de estancia, oscilando entre os 101 e os 232 euros.
Co abono da cota establecida, os participantes nos campamentos disporán de aloxamento no albergue, residencia ou campamento xuvenil con manutención en réxime de pensión completa. Tamén se inclúe no prezo un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación dos asistentes, o material necesario para as actividades, un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre; e no, no caso de persoas con necesidades especiais por razón da súa discapacidade, disporase de persoal de apoio que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.
O programa tamén inclúe atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes e nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.
A adxudicación das prazas realizarase por sorteo se as inscricións supera o número de prazas ofertadas.
As bases da convocatoria publícanse do Diario Oficial de Galicia de hoxe, 24 de marzo. Nelas figura toda a información precisa para as familias interesadas.
As solicitudes poden tramitarse preferiblemente a través da web en https://sede.xunta.es, polo procedemento xeral (modelo BS303A) no caso de solicitude individual, ou BS303F no caso de solicitude múltiple para varios irmáns. Para discapacidades procedemento BS303G no caso de solicitude individual, ou BS303H no caso de solicitude múltiple. Tanto as bases como os formularios correspondentes pódense consultar e imprimir a través do taboleiro de anuncios da web municipal.











