A Oficina de Turismo de Lalín ten novo horario e abrirá tamén as fins de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, tamén avanza que “imos comezar co reparto de distinto material promocional da Área de Santiago entre os aloxamentos e restaurantes lalinenses, un material que tamén estará á disposición dos visitantes na propia Oficina de Turismo”

A Oficina de Turismo de Lalín terá desde mañá novo horario, de xeito que tamén abrirá en fin de semana, reforzando así as horas de disposición ao público, ante unha época como pode ser a Semana Santa ou os meses de verán, na que tradicionalmente se rexistra un maior número de visitantes.

Así o explica o concelleiro delegado de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández, que precisa que o novo horario será de mércores a domingo, inclusive, de 11 a 14 horas e de 16 a 19.30 horas, mentres que os martes abrirá pola tarde, de 16 a 19.30 horas. Os usuarios da Oficina teñen á súa disposición o enderezo electrónico infoturismo@lalin.org para enviar a súas suxestións ou consultas a calquera hora.

Rodríguez Fernández sinala que “con este horario amplo trátase de garantir un servizo turístico óptimo para a cidadanía nunha nova etapa da Oficina de Turismo á que vén ademais de serlle renovado o distintivo de Calidade Turística SICTED”. “Este é o cuarto ano no que este selo de compromiso de calidade lle vén de ser renovada a Oficina lalinense e que lle será outorgado por un ano máis”, precisa.

O edil de Turismo destaca a importancia que ten este selo de calidade, posto que ofrecerlle unha boa información ao visitante contribúe a mellorar a experiencia de visitar as nosas terras e difundir os nosos atractivos, xa que o reclamo turístico dun pobo constitúe un dos principais reclamos para que unha persoa se decida a achegar a el.

REPARTO DE MATERIAL PROMOCIONAL ÁREA DE SANTIAGO

Por outra parte, José Antonio Rodríguez Fernández tamén avanza que “imos comezar co reparto de distinto material promocional da Área de Santiago entre os aloxamentos e aos restaurantes lalinenses; un material que tamén estará dispoñible na Oficina de Turismo de Lalín á disposición de visitantes”. Esta iniciativa é posible grazas ao convenio de colaboración que o Concello de Lalín ten asinado con Área de Santiago.

17 de marzo de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.