publicidade hoxe

A nova escola infantil de Marín abrirá as súas portas o próximo curso para 41 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

A nova escola infantil de Marín, que contará con 41 prazas divididas en tres unidades, abrirá previsiblemente as súas portas ao longo do próximo curso escolar. Actualmente, está na fase de construción, e estímase que os traballos rematen cara ao final do verán.

Así o adiantou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que visitou as obras desta instalación acompañada pola alcaldesa do concello, María Ramallo.

O investimento total para a construción deste centro ascende a 410.000 euros, dos que o departamento autonómico achega 246.000 (o 60 por cento), e o concello os 164.000 euros restantes.

Trala súa posta en marcha, esta escola converterase no terceiro centro en Marín da rede autonómica A Galiña Azul, e elevará ata 143 as prazas públicas de educación infantil 0-3 anos do concello. Dúas desas escolas (incluída a que está en obras actualmente), con 82 prazas, teñen sido creadas polo actual Goberno, o que supón un incremento de prazas do 135% con respecto ás existentes en 2009.

Esta nova instalación converterase, ademais, na sétima escola da rede autonómica na comarca do Morrazo, de xeito que a oferta chegará ás 353 prazas. Desta cifra, un total de 197 -distribuídas en catro centros- foron creadas nos últimos seis anos, o que se traduce nun aumento do 126% con respecto a 2009.

A posta en marcha de novas prazas para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos inscríbese no esforzo do Goberno galego por mellorar a conciliación das familias galegas. Segundo os expertos na materia, este tipo de recursos son un dos criterios que máis valoran os pais e nais á hora de ter fillos. De aí que sexa un dos eixos estratéxicos do Plan de dinamización demográfica de Galicia, apuntou Mato.

O próximo curso da rede A Galiña Azul contará cun total de 9.294 prazas, distribuídas en 159 escolas. Isto é, 532 prazas máis con respecto ao curso anterior, e 3.827 prazas máis (un 70 por cento) se se compara coa oferta de hai seis anos. Con estas cifras, Galicia acada por primeira vez a ratio de 33 prazas públicas por cada 100 nenos en idade de acceso a unha escola infantil que recomenda a Unión Europea.

Liñas de colaboración co concello

Ademais de colaborar na construción da escola infantil, Mato destacou tamén que a administración autonómica e a local cooperan noutras áreas relacionadas co emprego e o benestar, co fin de prestar máis e mellores servizos aos habitantes de Marín.

De entre todas estas actuacións, a conselleira fixo especial fincapé na orde de contratación de persoas perceptoras da RISGA, que permitirá a contratación na localidade dun total de 10 persoas, grazas a un investimento de 100.000 euros. Tamén recordou que se está a financiar un Programa integrado de Emprego 2014-2015, que conta cun orzamento de 93.000 euros e 60 beneficiarios.

24 de marzo de 2015 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.