publicidade hoxe

A nova escola de Fene que contará con 41 prazas prevé abrir ao longo do próximo curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+
Beatriz Mato en Fene

Beatriz Mato en Fene

A Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Concello de Fene, está a construír unha escola infantil de 0-3 anos nesta localidade, que ofertará un total de 41 prazas, previsiblemente, ao longo do próximo curso escolar. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, visitaron hoxe as obras que comezaron en xullo do ano pasado e nas que se están a investir 410.000 euros.

Mato destacou que a nova escola será a segunda da Rede A Galiña Azul en Fene, o que elevará ata 102 o número de prazas desta rede neste municipio. “Isto supón que o Goberno galego incrementou a oferta nun 40 por cento desde 2009”, apuntou. Polo que respecta á comarca de Ferrol, a titular do departamento autonómico sinalou que a oferta será de 577 prazas tendo en conta a nova escola de Fene, a municipal de Narón-Xuvia, que asumirá a Xunta, a ampliación do centro de Cedeira, os de Caranza e Esteiro, en Ferrol, e o de Ares. “É dicir, na comarca teremos seis escolas máis e o triplo de prazas autonómicas desde 2009”, subliñou a conselleira.

A titular de Benestar sinalou que o obxectivo desta actuación é seguir avanzando na conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, un dos eixos estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que o Goberno galego lidera por primeira vez en Galicia.

A conselleira incidiu en que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís é “unha ferramenta moi importante” na loita contra o problema demográfico que existe en Galicia e, por iso, destacou que desde 2009 puxéronse en funcionamento 3.800 prazas a través da rede autonómica A Galiña Azul. Isto supón un 70 por cento de incremento con respecto ás que había en 2009, tendo en conta as novas prazas de 0-3 anos que se ofertarán para o próximo curso escolar 2015-2016. Na provincia da Coruña, o Goberno galego creou máis de 2.000, un incremento superior ao 113 por cento.

En total, a oferta para o próximo curso será de 9.294 prazas en 159 escolas. En concreto, abrirán as súas portas 10 novas escolas que van ofertar 532 novas prazas nas escolas de Cambre e Melide (construídas en virtude do convenio coa Fundación Amancio Ortega); de Narón (construída polo Concello e que asumirá a Xunta); e de Boiro, Malpica, Meira, Muros, Oroso, Porto do Son e Salvaterra.

Mato salientou, por último, que grazas ao esforzo da Xunta, por primeira vez tense alcanzado en Galicia a ratio de 33 prazas públicas por cada 100 nenos e nenas en idade de acceso a unha escola infantil, que recomenda a Unión Europea. A oferta de prazas públicas sostidas con fondos autonómicos complétase coas escolas municipais, as escolas dependentes de entidades de iniciativa social e doutras entidades e máis de 1.000 prazas de cheque infantil, acadando un total de preto de 20.500 prazas sostidas con fondos públicos á disposición das familias galegas.

Obradoiro de emprego

Tras a visita ás obras da escola infantil, Mato clausurou e entregou os diplomas aos 21 participantes no obradoiro ‘Reinicia’, que comparten Fene, Ares e Cabanas, un acto no que estivo acompañado polos alcaldes destas localidades.

A Consellería de Traballo e Benestar investiu nesta actuación máis de 186.000 euros. Nesta ocasión, o obradoiro centrouse nas especialidades de actividades auxiliares e de apoio ao buque en porto, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e actividades auxiliares de agricultura. Ao tempo que os alumnos se formaron nestas materias, realizaron traballos de xardinería no Paseo Marítimo de San Valentín, en Fene; recolección e conservación de cultivos en terreos municipais de Cabanas; e o mantemento e conservación do Buque Aula de Mar a Flote de Ares.

Mato lembrou que “a aposta decidida” do Goberno galego por este tipo de actuacións enmárcase na súa liña de apoiar a formación certificada, xa que mellora a empregabilidade. De feito, lembrou que desde 2009, o departamento autonómico ten financiado actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade.

Así mesmo, a conselleira sinalou que o éxito dos obradoiros de emprego levou tamén en 2015 á Consellería de Traballo a blindar a orde anual de obradoiros e, ademais, publicou por primeira vez unha liña de axudas deste tipo de programas específica para menores de 25 anos, e que está incluída dentro do novo plan de Garantía Xuvenil. Así, en 2015 investiranse preto de 15 millóns na posta en marcha de máis de 70 obradoiros. Nos últimos seis meses desenvolvéronse en toda Galicia 53 obradoiros aos que o Goberno galego destinou 9,6 millóns de euros. Con este financiamento acadouse a participación de 1.300 galegos e galegas. Á provincia da Coruña destináronse 2,8 millóns de euros co que se financiaron 15 obradoiros e participaron 32 concellos e 315 alumnos.

Por último, a conselleira destacou que Traballo e Benestar destinou á localidade de Fene preto dun millón de euros no eido social e laboral. Desde 2009, o investimento superou os 4,8 millóns de euros.

13 de marzo de 2015 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.