A Mesa Provincial de Comercio Local aproba o proxecto de dinamización comercial da Federación de Libreiros de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Belén do Campo na reunión da Mesa Provincial do Comercio Local

Belén do Campo na reunión da Mesa Provincial do Comercio Local

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou hoxe nunha nova reunión da Mesa Provincial de Comercio Local da Coruña, que agrupa a administracións públicas, asociacións de comerciantes e consumidores e representantes dos distintos concellos. Tamén estiveron presentes, en nome do ente provincial, o deputado Antonio Cañás, a presidenta da Asociación Galega de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios “Brétema”, Rosa Otero, e o presidente da Federación Galega de Comercio, Miguel Agromayor.

Neste encontro, supervisouse e déuselle o visto e prace ao proxecto de dinamización comercial presentado pola Federación de Libreiros de Galicia, trámite necesario para que esta poida concorrer ás ordes de axudas convocadas polo Goberno autonómico. A iniciativa está pensada para promover e financiar ao longo deste ano os servizos dixitais nas librarías da comunidade.

Cumprimento da Lei de comercio interior de Galicia

A convocatoria da reunión da Mesa Provincial de Comercio Local faise en cumprimento da Lei de comercio interior de Galicia. Este órgano está pensado para fomentar o diálogo e a coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución das políticas comerciais que lles afectan. Neste senso, Do Campo subliñou que se está a traballar para “impulsar a colaboración entre os membros do sector para a optimización dos recursos”. Con esta norma, indicou, está a disposición dos comerciantes unha serie de instrumentos que teñen como obxectivo a mellora e a modernización do comercio galego, así como a solución dos problemas que lles afectan.

Entre as ferramentas que recolle a lei están as chamadas mesas locais de comercio, entendidas como un lugar de encontro e un foro de debate, onde teñen voz e voto o comercio de proximidade, os consumidores e os propios concellos. A mesa provincial asume as funcións da administración local naqueles concellos que non contan con un mínimo de 20 comercios minoristas ou nos que non existe unha asociación local de comerciantes.

Funcións da Mesa Provincial do Comercio Local

Entre as tarefas que desenvolve a Mesa Provincial do Comercio Local están as de informar sobre as campañas de promoción que se desenvolven con fondos públicos, elaborar informes para a realización de feiras de oportunidades, actuar como órgano consultivo sobre todas as cuestións que afecten ao comercio retallista ou ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana dos concellos integrantes, entre outras. Esta tamén está a servir para trasladar aos municipios representados as medidas, iniciativas e propostas en materia comercial.

En definitiva, trátase de contar con unha ferramenta eficaz para dotar de maior dinamismo, proxección e modernidade ao pequeno comercio, “máis aínda nun contexto de crise económica como o actual”, indicou a representante autonómica. “Pretendemos que o sector se decate de que a través da unión de todos os axentes se pode ser máis competitivo e chegar a negociar, por exemplo, créditos cos bancos, as tarifas da luz ou outros asuntos que poidan beneficiar a súa actividade”, engadiu.

23 de marzo de 2015 | 11:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.