publicidade hoxe

A maioría dos vendedores ambulantes renovan o seu permiso para ocupar un espazo no mercado de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A práctica totalidade dos máis de 100 comerciantes ambulantes renovaron estes primeiros meses o seu permiso para ocupar un espazo no mercado de Ponte Caldelas durante o ano 2015, instalado na Alameda e as súas inmediacións e que se celebra dende data inmemorial os días 5 e 20 de cada mes. Con esta medida complétase o proceso de regularización desta actividade no municipio que se fixo por fases e que comezou en maio de 2012 coa aprobación polo Pleno da Corporación do Regulamento Municipal de Venda Ambulante. Posteriormente a principios de 2013 por primeira vez regularizouse xa a instalación dos vendedores ambulantes que pasaron a pagar a correspondente taxa instalándose un total de 110 postos. Todos estes postos cumpren cos requisitos legais para a venda ambulante evitando así a competencia desleal co comercio local ou entre os propios ambulantes.

Dende o pasado mes de decembro procedeuse ao trámite de renovación das autorizacións e un centenar de postos establecidos en Ponte Caldelas renovaron para este ano 2015 o seu permiso para ocupar un espazo no mercado da vila tras aplicarse durante o pasado exercicio o Regulamento Municipal de Venda Ambulante, que fixa nun prezo de 50 céntimos por metro e día o posto na feira caldelense.

O Concello de Ponte Caldelas considera consolidado este proceso e regularizado dun xeito totalmente normal co sector da venda ambulante. Deste xeito, todos os ambulantes que instalan os seus postos no mercado de Ponte Caldelas contan, no seu caso, coa pertinente formación en materia de manipulación de alimentos, seguro de Responsabilidade Civil, pagamento de impostos, etc., tal e como sucede con calquera establecemento comercial non eventual. Ademais con esta regularización evítase a competencia desleal daqueles que irregularmente pretenden exercer a actividade sen cumprir requisitos e sen pagar impostos.

A posta en marcha deste Regulamento supuxo a regularización dunha actividade que, co paso do tempo, se convertera nunha materia pendente para a administración local. Unha vez que o Concello de Ponte Caldelas dispuxo de Policía Local para poder realizar labores de control e vixilancia sobre o cumprimento do Regulamento Municipal de Venda Ambulante púidose afrontar esta tarefa. Ademais esta actividade supón para o Concello uns ingresos anuais que superan os 10.000 €, que poden ser destinados á organización de eventos e ao apoio do comercio local.

O alcalde, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa satisfacción pola renovación da práctica totalidade dos vendedores ambulantes non só polo que representa de consolidación para Ponte Caldelas do seu mercado ambulante senón tamén pola tranquilidade que supón para o consumidor e usuario a regularización desta actividade, ao tempo que xera ingresos para as arcas municipais, tan necesitadas nestes tempos de crise.

O rexedor municipal tamén agradeceu o esforzo de empregados municipais e os propios vendedores ambulantes para que a aplicación do Regulamento Municipal de Venda Ambulante, unha ordenanza clara e acorde coas diferentes normativas existentes a nivel autonómico e estatal, non tivese ningún problema de orde público na súa aplicación.

6 de marzo de 2015 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.