publicidade hoxe

A licitación dos dous últimos tramos das ‘autoestradas da auga’ permitirá duplicar o abastecemento da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Carlos Negreira en Monte Mero

Carlos Negreira en Monte Mero

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que as “autoestradas da auga” quedarán completadas en 2016 grazas á licitación, este mes, dos dous últimos tramos que supoñen 3,6 quilómetros e un investimento de 8,1 millóns de euros: “Con esta licitación completamos todas as autoestradas da auga que fomos executando ao longo destes anos e pechamos o ciclo de abastecemento da cidade para ter todas as garantías nun servizo público tan importante como o da auga”, subliñou o alcalde.

Tal e como explicou Carlos Negreira, trátase de dous tramos que permitirán duplicar o abastecemento da Coruña para que, a pesar de que se produza unha avaría nunha das canalizacións, “o conxunto da cidade non quede en ningún momento sen auga”.

Por unha parte, o tramo de Alfonso Molina supón un total de 2,7 quilómetros de canalización que se licitará a próxima semana por importe de 5,1 millóns de euros; e, por outra, o tramo próximo á Universidade Laboral, son 900 metros que se licitarán a última semana deste mes por 3 millóns de euros. “Desta forma pechamos todo o abastecemento de alta capacidade, xa que hai que ter en conta que estamos a falar de diámetros que van dos 1,2 aos 0,8 metros”, sinalou o alcalde e engadiu: “Teremos dúas vías de entrada á cidade co que o abastecemento queda asegurado mesmo duplicando a poboación”.

Neste sentido, Carlos Negreira recordou os esforzos que o Goberno local vén realizando co obxectivo de garantir auga “de calidade e en cantidade” con accións como conseguir a titularidade de Cecebre; ou o acordo para o transvasamento de auga dende Meirama a Cecebre, o que permitirá ter sempre auga en abundancia e de calidade -250.000 analíticas avalan a súa salubridade- mesmo con escaseza durante máis dun ano”. Tamén se referiu ás actuacións en materia de depuración, facendo especial fincapé na posta en marcha da EDAR de Bens grazas a “un magnífico acordo co resto de concellos de Arteixo, Cambre, Oleiros e Culleredo para permitir o seu funcionamento e pechar o ciclo integral da auga”.

10 de marzo de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.