A Laracha aplaude a continuidade de Acsil e mantén o compromiso de apoiar as súas iniciativas
Desde o Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción tras coñecer que a Asociación de Comercio, Servizos e Industria da Laracha (ACSIL) manterá a actividade. A súa presidenta, Concha Iglesias, comunicou ao alcalde, José Manuel López Varela, e á concelleira de emprego, Rocío López, que continuará no cargo co propósito de, en colaboración cos membros da directiva que tamén permanecerán e as novas persoas que se incorporen, seguir dando un impulso ao sector do pequeno comercio local.
Recentemente a directiva de ACSIL ao completo mostrou a súa intención de deixar paso a novas persoas que puidesen tomar o relevo das funcións que levan desenvolvendo desde hai varios anos. Entre os socios da entidade, ninguén se decidiu a tomar a presidencia, pero si houbo novos voluntarios para formar parte da directiva.
Tal e como confirmou aos membros do goberno local, Concha Iglesias tomou a decisión de manterse na presidencia para non permitir o cese da actividade de ACSIL en beneficio dos establecementos comerciais, pequenas empresas e, en definitiva, do sector do comercio local ao completo.
Os socios de ACSIL foron citados para celebrar unha reunión o mércores ás 21:30 horas na Casa da Cultura da Laracha, encontro no que se lles dará conta da nova situación da entidade, explicaráselles os obxectivos de futuro e, de ser o caso, captarase colaboradores e persoas que desexen formar parte do equipo xestor.
José Manuel López Varela agradeceu a Concha Iglesias o seu esforzo e responsabilidade, comprometéndose a seguir apoiando desde o Concello da Laracha económica e organizativamente tanto a actividade diaria de ACSIL como os eventos e iniciativas que poñan en marcha, entre as que cabe salientar as exitosas campañas de Nadal, os concursos celebrados con motivo do Día do Pai e da Feira das Cereixas de Paiosaco e, principalmente, a Feira Multisectorial da Laracha.











