A Garda Civil abre un operativo na Confraría de Cabo de Cruz, en Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroSucesos
A-
A+
Europa Press

A Garda Civil mantén aberto un operativo na Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz, en Boiro (A Coruña), segundo informan fontes da Benemérita. O despregamento da Garda Civil prodúcese dende as 10,00 horas nas dependencias do pósito e afecta tamén á lonxa, segundo sinalou a actual presidenta da agrupación de mariscadoras a pé, Charo Vázquez.

En declaracións, Vázquez indicou que varias testemuñas presenciais, incluídas ela, viron como a secretaria da confraría saía das instalacións acompañada por axentes.

Esta voceira sinalou tamén que as profesionais polo momento non puideron acceder ao centro de traballo e están “totalmente desinformadas” sobre o motivo da operación, aínda que cren que pode deberse a posible “malversación de fondos” e ás distintas denuncias que un grupo de mariscadoras interpuxeron contra a xestión dos anteriores directivos da confraría.

Entre outras cuestións, atribuían “coaccións” para sacar adiante os plans de explotación ao anterior patrón maior, Carmelo Vidal, e á exvicepatroa maior e exresponsable da agrupación de mariscadoras, Ermitas Pérez.

Ambos os dous decidiron non se presentar as últimas eleccións ás confrarías celebradas ao inicio do verán pasado, polo que Vidal rematou así unha etapa que o tivo á fronte do pósito durante 23 anos.

Pola súa banda, o presidente da federación galega de confrarías, Tomás Fajardo, afirmou descoñecer o alcance do operativo e evitou pronunciarse sobre posibles responsabilidades na anterior xestión.

17 de marzo de 2015 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.