A fidelización do cliente, as novas tecnoloxías ou adaptar horarios son os retos do sector comercial de Carballo
O presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Marcelo Castro-Rial Schuler, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, veñen de presentar no Viveiro de Empresas de Bértoa os dous estudos realizados polo Observatorio Económico Local de Carballo durante o ano 2014. Un deles trata sobre “A dinamización do comercio en Carballo e a súa área de influencia”, e o outro é unha “Aproximación ao mercado do crédito en Carballo e a súa área de influencia”. Durante a presentación, o presidente da Cámara quixo resaltar o papel da Antena Local, sinalando que “a colaboración co Concello de Carballo permitiu manter esta Antena durante máis de dez anos, prestándose servizo a unhas 550 empresas da comarca e a case 700 emprendedores, así como a numerosos colectivos e asociacións empresariais”. Castro-Rial tamén avanzou que a Antena entra agora nunha nova conxuntura, xa que deixará de contar co financiamento de fondos europeos, aínda que resalta que “isto non significa que a Antena vaia desaparecer” e espera abrir novas liñas de colaboración. Evencio Ferrero, pola súa banda, subliñou que a Antena se puxo en funcionamento hai máis dunha década “porque Carballo ten que contribuír á dinamización empresarial”. Manifestou a vontade do Concello de seguir “colaborando no desenvolvemento de actividades para favorecer o desenvolvemento empresarial” e subliñou que espera que a implantación de dez novas empresas no Polígono de Bértoa despois da adxudicación de parcelas de Xestur sexa importante para a “dinamización económica do conxunto do territorio”. Respecto da análise dos estudos realizados polo Observatorio durante o 2014, o titulado “A dinamización do comercio en Carballo e a súa área de influencia” parte dun diagnóstico do sector realizado mediante enquisas dirixidas ás empresa máis representativas da zona. Así, o informe realiza unha serie de propostas para mellorar a situación do comercia local, partindo de análises que reflicten que as vendas teñen experimentado un notable descenso nos últimos anos, ou que tamén se detecta a ameaza das grandes superficies, entre outros datos. As liñas de acción que propón o Observatorio parten, ben dende o punto de vista dos propios comerciantes, ben dende o ámbito externo, con atención ás administracións e os colectivos profesionais.
Entre as medidas que debe aplicar o propio comerciante, están as que buscan fidelizar ao cliente, contando con sistemas eficaces de recollida e xestión de datos da clientela ara poder segmentar e planificar estratexias de marketing dirixidas, fomentando a venda virtual e implantando novas tecnoloxías (catálogos virtuais, páxinas web, redes sociais, etc.), xa que cada día máis, a decisión de compra do cliente está en Internet. Tamén se propón a aplicación de melloras como lectores ópticos, tarxetas de compra, estender aínda máis o pago con tarxeta, etc. A formación é outra das cuestións que debe promover o comerciante, tratando de asistir a cursos sobre atención ao cliente, vendas, escaparatismo, etc. Outra das propostas, é que os propios comerciantes axeiten os seus horarios tendo en conta as horas libres do consumidor, así como conseguir que o cliente identifique o comercio local con calidade e bo servizo. O obxectivo final de todas estas ferramentas e estratexias é o de conseguir que o consumidor se quede na Costa da Morte.
Respecto das medidas que son externas aos comerciantes, e que han de ser favorecidas por outras instancias, destaca a de fomentar a unión entre o sector. Así, as administracións deben retomar o seu labor de dinamización do comercio desenvolvendo accións coordinadas co sector para paliar os efectos da reconversión comercial, así como dotando ás poboacións de infraestruturas e servizos públicos, con medidas como a mellora da sinalización, combinando as zonas peonís coa posibilidade de realizar paradas rápidas mellorando a seguridade, ou fomentando o atractivo turístico da zona, entre outras actuacións. O informe propón tamén a recuperación das feiras tradicionais e unha maior racionalidade na proliferación e emprazamento dos mercadillos.
Necesidade de impulsar o financiamento das pemes
O segundo informe elaborado de “Aproximación ao mercado do crédito en Carballo e a súa área de influencia”, xorde pola vocación do Observatorio Económico de orientar a temática dos estudos cara as necesidades reais das empresas locais e persegue, ademais, converterse nun instrumento útil na planificación de estratexias e na toma de decisións tanto para os axentes socio económicos, como para o tecido empresarial. Este estudo constata que a oferta de crédito ten decaído constantemente nos últimos anos, a pesar da inxección de liquidez pública nos anos 2013 e 2014 a través do ICO e outras liñas de financiamento. A dificultade de acceso ás fontes tradicionais tamén ten favorecido a aparición de fontes alternativas de financiamento, como o crowdfunding, os fondos de investimento, os business angels, os mercados de bolsa alternativos, etc. A pesar de todo, a Cámara conclúe que as perspectivas de futuro son positivas, xa que os últimos anuncios da Comisión Europea supoñen unha aposta de máis de 30.000 millóns de euros destinados a mobilizar o mercado de crédito a pemes, xa que estas supoñen o 90 por cento do tecido empresarial.
O estudo, tendo en conta estas premisas, presenta uns retos de futuro no que se refire ao financiamento de pemes en Carballo e a súa área de influencia. En primeiro lugar, a reactivación da demanda de financiamento mediante a organización de foros e ciclos de xornadas sobre liñas de financiamento con entidades bancarias e organismos como o Igape, Afigal, etc. En segundo, proponse favorecer o apoio ás pemes a través dun asesoramento profesional con entidades especializadas, organizando roldas de inversores ou mellorando a formación e profesionalización dos departamentos financeiros das pemes. Por último, o informe suxire a realización de estudos locais e comarcais para coñecer a realidade, as necesidades e demandas das pemes, o que está previsto que o Observatorio realice durante 2015.











