A Federación Galega de Piragüismo quere homenaxear a David Cal dando o seu nome ao centro de Verducido
A Federación Galega de Piragüismo realizará unha proposta á Xunta de Galicia para que o complexo deportivo de Verducido pase a chamarse Centro de Piragüismo David Cal, en homenaxe ao pentamedallista olímpico que anunciou a súa retirada a pasada semana. A iniciativa partirá da xunta directiva do organismo federativo que preside Alfredo Bea.
O dirixente sinalou que “é un recoñecemento ao deportista galego con máis medallas olímpicas e que deu tantas alegrías ao piragüismo”. Alfredo Bea indicou que “é unha das mellores maneiras tamén de simbolizar un lugar no que competiu tantas veces e onde se disputaron regatas internacionais e que na actualidade posúe unha gran actividade, tanto autonómica como nacional”.
A Federación Galega de Piragüismo elevará a súa proposta nos próximos días á Xunta de Galicia para que se cambie a denominación canto antes. Nese escenario disputaranse este ano as copas de España de 1.000, 500 e 200 metros e tamén o Campionato de España de verán. Ese tres citas reunirán a miles de padexeiros procedentes de toda España.
O centro deportivo inaugurouse en 2007 con motivo da celebración do Campionato de Europa. Precisamente nesa competición, David Cal logrou as medallas de bronce nas modalidades de C-1 1.000 e 500 metros. No Campionato de Europa participaron 33 países e reuniu a case cincocentos deportistas.