publicidade hoxe

A Fábrica acolle a presentación do programa municipal de sendeirismo e excursionismo para maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O centro cultural a Fábrica acolle este mércores ás 18:30 horas a presentación da nova edición do programa municipal de sendeirismo e excursionismo para maiores. Este programa inclúe unha completa programación de excursións e rutas interpretativas de sendeirismo coas que os maiores de Oleiros percorrerán toda a xeografía galega.

Este ano achégase un programa moi atractivo que baixo o nome de Segredos de Galicia ten a intención de levar aos participantes a lugares coñecidos que esconden misterios, historias, tesouros e paisaxes inéditas que aínda están por descubrir.

Á hora de coñecer lugares non é só o lugar que se visita senón a ollada coa que se mira, por iso neste programa as excursións e as rutas van cargadas de contidos culturais, históricos, literarios, antropolóxicos, musicais, etcétera.

EXCURSIÓNS

1. A ría dos tesouros. Descubriremos os tesouros afondados na ría de Vigo e coñeceremos a historia da batalla de Rande, á vez que gozamos da súa paisaxe e do Castelo de Soutomaior.

2. Tradición e modernidade. Os costumes e as formas de vida de antes e de agora. Un paseo no tempo pola comarca do Deza que nos levará á casa do patrón, ao Pazo de Liñares e a visitar a vila de Lalín.

3. A Arousa descoñecida. A historia da ría de Arousa, a fortaleza de lobeira, as lendas da raíña dona Urraca e unha mirada á singularidade da illa.

SENDEIRISMO

1.Coñece Oleiros paso a paso. Primeira ruta de preparación polo noso concello, na que ademais de gozar da súa beleza e coñecer novos camiños, tomarase contacto co sendeirismo e o nivel de esixencia desta actividade.

2.Torres, pedras e cruceiros na Costa da Morte. Camiñando entre petos de ánimas, dolmes, castelos e lendas nas terras de Malpica. 3. Entre Sálvora e San Vicente. Coñecer a parte máis descoñecida da península do Grove, historia e natureza en estado puro.

4. Descubre a outra Compostela. Unha fermosa ruta pola parte máis descoñecida da capital de Galicia na que sen dúbida quedarás sorprendido.

5. Sendeiros de outono. Fin de semana percorrendo camiños de outono, desde a frondosidade da Fraga de Catasós en Lalín ata as ribeiras dos ríos Avia e Arenteiro en Ourense.

23 de marzo de 2015 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.