A escola de pais e nais de Oroso acolle a charla “Atención temperá: a importancia da familia”
A escola de pais e nais “Espazo de Familia” do Concello de Oroso organiza mañá martes 24 de marzo a charla “Atención temperá: a importancia da familia”. Unha iniciativa dirixida ás familias do alumnado do Centro Rural Agrupado (CRA) de Oroso e que terá lugar no local social do CRA en Vilarromariz a partir das 16:15 horas. A participación é totalmente libre e de balde para todos os veciños e veciñas que queiran asistir.
A charla será impartida pola psicóloga Raquel Boquete Orgeira e pola logopeda Iria Botana Lois, técnicas do Servizo de Atención Temperá de Oroso, analizarán a importancia do núcleo familiar á hora de detectar e actuar sobre posibles déficits ou necesidades especiais dos nenos e nenas. “Espazo de Familia” é unha iniciativa organizada polo Concello de Oroso e subvencionada pola Deputación da Coruña que funciona como un punto de encontro para que os pais e nais reflexionen e afonden de xeito colectivo naqueles temas que máis lles preocupan sobre a educación dos seus cativos.