publicidade hoxe

A Deputación destina 400.000 euros á reforma da estrada que une Vilalba con Xermade e As Pontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoVilalbaXermade
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este martes en Vilalba que o organismo provincial destinará 401.300 euros á reforma integral da estrada LU-P-6513, que une o municipio vilalbés con Xermade e As Pontes, cumprindo deste xeito cos veciños, pois a mellora desta vía foi unha das principais propostas que os cidadáns fixeron durante a elaboración dos Orzamentos Participativos.

Gómez Besteiro anunciou que a Xunta de Goberno aprobará o vindeiro luns o proxecto e a súa licitación, co obxectivo de que as obras nesta estrada, unha das máis utilizadas polos veciños de Vilalba e Xermade, comecen a finais de abril e estean rematadas no verán. As actuacións, que afectarán a 6,6 quilómetros -entre os puntos 2,590 e 9,200- consistirán na dotación de aglomerado en quente, o material de máis calidade e maior duración, e na reapertura das cunetas e a súa limpeza, pois na actualidade atópanse cheas de vexetación e arrastres de terra,  ademais de na renovación das sinais horizontais da vía.
O Presidente, que estivo acompañado de numerosos veciños durante a súa visita á estrada, subliñou a importancia destes traballos, pois “mellorarán a seguridade e comodidade dos desprazamentos dos numerosos veciños de Vilalba e Xermade que a diario usan esta estrada, que sabemos que necesita dun arranxo urxente”. Aínda que existe unha autovía para unir ambas localidades, esta vía comunica moitas parroquias entre si e é máis rápida porque ten menos quilómetros de lonxitude. Gómez Besteiro destacou tamén que con estas obras “seguimos dando resposta ás necesidades e demandas que nos fixeron directamente os veciños nos Orzamentos Participativos”.

O mandatario provincial enmarcou a reforma integral da LU-P-6513 no “importante esforzo inversor que fai a Deputación, non só para manter en boas condicións, senón para mellorar os 4.200 quilómetros da rede provincial de estradas, a máis extensa de toda España, e iso a pesar de que nos últimos anos tivemos que priorizar os investimentos noutras áreas, como emprego e servizos sociais, ante o deixamento das administracións que realmente teñen as competencias nestes eidos”.

Neste senso, o Presidente lembrou que a Deputación vén de poñer en marcha o Plan de Rebacheo, que reforza as actuacións de mellora nas estradas provinciais dos programas de Conservación e do Parque Móbil. Con estas tres liñas de actuación, son 115 operarios e 53 máquinas os que se atopan traballando na actualidade na rede viaria provincial.

6 millóns de euros en Vilalba

O acondicionamento da LU-P-6513 forma parte dos investimentos por valor de preto de 6 millóns de euros que a Deputación leva destinado á mellora e dotación de servizos e infraestruturas no Concello de Vilalba durante os últimos 8 anos. Entre outras actuacións,  a rehabilitación de varias escolas, como as de San Xurxo Rioaveso, Tardade, Árbol, Mourence, Penarredonda, Feiranova e Couto; o arranxo do local social de Mourence; a construción dun depósito de auga en Distriz; a pavimentación e mellora de servizos nas rúas de Foz e Basanta Silva; a adecuación do campo da feira de Vilalba; melloras no entorno da praia fluvial da Madanela; e mellora de camiños en Lanzós, Seivane, Román, Carballido, Carreteira, Pinguela, Riazo, Pude e Lamela.

Se a Deputación non realizou máis investimentos foi pola negativa do propio Concello, que decidiu rexeitar os servizos e equipamentos do plan tecnolóxico Innova-TE e tamén o plan co que o organismo provincial dota gratis aos Concellos de dispositivos de eficiencia enerxética para que poidan aforrar na factura eléctrica das instalacións municipais.

17 de marzo de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.