A Deputación destina 238.500 euros ao programa “Coñece a túa provincia”
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe, na súa Xunta de Goberno, destinar 238.500 euros ó programa “Coñece a túa provincia”, que desenvolve, con grande éxito de participación, desde 2008. O ano pasado presentáronse 372 asociacións e participaron nas distintas rutas 22.000 persoas.
“Coñece a túa provincia” nace en 2008 coa finalidade de fomentar a convivencia e o asociacionismo entre distintos colectivos, ademais de contribuír ó seu enriquecemento cultural a través de visitas diarias guiadas a centros integrantes do patrimonio da Deputación e ós principais recursos turísticos da provincia de Pontevedra.
A dinamización económica e social constitúe o obxectivo prioritario do organismo provincial co desenvolvemento deste programa. As visitas teñen unha dobre finalidade: fomentar o coñecemento dos nosos recursos mediante a convivencia e o asociacionismo dos colectivos participantes, ademais de contribuír ó desenvolvemento da provincia xerando movemento económico a través dos diferentes sectores de servizos implicados (guías turísticos, transporte de viaxeiros, museos e centros de interpretación ou o sector da restauración).
Poboación destinataria
En 2014 foron 372 as asociacións que presentaron as súas solicitudes e máis de 22.000 as persoas participantes no programa, que acadaron un alto grao de satisfacción atendendo ás enquisas de valoración: un 94,2 % cree que o percorrido da ruta que realizou é o axeitado; un 81,2 % sinala que as rutas cubriron as súas expectativas; un 85 % recomendaríalles as rutas realizadas a turistas, familiares e amigos e un 77,8 % opina que a relación calidade-prezo é adecuada.
As rutas máis demandadas foron: ruta 17 (A Illa de Ons, as vilas mariñeira de Portonovo e Sanxenxo), con 66 solicitudes; ruta 4 (ruta de Arousa-O Grove, con degustación, illa da Toxa, visita ó núcleo urbano do Grove, miradoiro do monte Siradella, paseo de madeira de Pedras Negras, praia da Lanzada), con 47 solicitudes; ruta 3 (Lalín, mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, fervenza do río Toxa, Museo Ramón María Aller, visita ó núcleo urbano de Lalín, pazo de Oca, conxunto natural e etnográfico de Codeseda), con 32 solicitudes; ruta 9 (conxunto histórico de Redondela, Camiño de Santiago, praia e porto de Cesantes, illa de San Simón), con 30 solicitudes; ruta 13 (visita á Guarda e Tui), con 27 solicitudes; ruta 22 (Mondariz: castro de Troña, castelo de Sobroso, Mondariz-Balneario, virxe da Franqueira, Covelo), con 27 solicitudes; ruta 21 (visita a diferentes lugares de interese de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa), con 23 solicitudes.
Sinopse do programa
“Coñece a túa provincia” consiste en pasar un día en lugares emblemáticos da nosa provincia e realizar visitas guiadas diarias a centros integrantes do patrimonio da Deputación (Museo de Pontevedra, Pazo provincial, Estación Fitopatolóxica de Areeiro, pazo de Lourizán ou castelo de Soutomaior), incluíndo os traslados de ida e volta en autobús desde os concellos de orixe (acompañados en todo momento por persoal da empresa adxudicataria), a visita guiada realizada por unha persoa que conte coa habilitación como guía de turismo especializado de Galicia e o xantar.
Nesta convocatoria 2015 establécense 18 rutas reflectidas no modelo de solicitude, das cales as entidades participantes no programa poderán elixir tres, por orde de preferencia, así como as datas preferentes.
O orzamento destinado a este programa ascende a 238.500,00 euros. “Coñece a túa provincia” é cofinanciado polos usuarios e a institución provincial: os usuarios adultos aboarán 12 euros, mentres que os menores de ata 9 anos, acompañados dos seus pais ou titores, terán un prezo especial de 8 euros; a Deputación achegará a cantidade restante do prezo ofertado pola empresa adxudicataria do programa.