publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra saca a licitación a urbanización da avenida Luis Rocafort, en Sanxenxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSanxenxo
A-
A+

A reforma integral da avenida Luis Rocafort permitirá desconxestionar o tráfico do acceso principal á localidade, para dotar o concello de Sanxenxo dunha mellor mobilidade. Os traballos que saen hoxe a licitación comprenden a urbanización integral da rúa de entrada principal a Sanxenxo e á praia de Silgar. Esta actuación contempla a pavimentación e sinalización da calzada, a colocación de beirarrúas en todo o percorrido, a instalación dunha nova rede de iluminación pública e a canalización separada de augas residuais e pluviais; tamén se recolle a instalación de mobiliario urbano e zonas axardinadas, que na actualidade non existen.

De acordo coas bases da convocatoria, os traballos de urbanización da avenida Luis Rocafort contan cun prazo de execución de 8 meses. Todas as empresas interesadas en presentar as súas propostas para optar a este procedemento dispoñen de 26 días naturais a partir do seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO). A execución desta obra conta cun orzamento de licitación de 910.982,97 euros máis IVE (191.306,42 euros). A adxudicación da obra tramitarase pola vía ordinaria e mediante o procedemento aberto.

Segundo o aprobado na Xunta de Goberno o pasado mes de decembro, a urbanización da avenida Luis Rocafort financiarase integramente con fondos propios da Deputación, previstos nos orzamentos de 2015.

Así mesmo, estes traballos completaranse cunha segunda actuación, que consistirá na creación dun paso subterráneo á altura da rotonda situada fronte á estación de autobuses. Na actualidade a Deputación encargou un estudo xeotécnico para determinar as condicións e características do solo en función das cales se adaptará a construción do paso subterráneo.

16 de marzo de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.