publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra patrocina cinco grandes eventos deportivos da Real Federación Española de Vela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación Campionato de España 49er

Presentación Campionato de España 49er

Máis de 600 deportistas e 500 embarcacións converterán Vilagarcía de Arousa nun centro de referencia para a vela nacional e internacional  desde o próximo mes de abril.

A Federación Galega de Vela logrou que o Centro Galego sexa a sede de cinco grandes eventos deportivos do calendario da Real Federación Española, que serán patrocinados pola Deputación de Pontevedra co obxectivo de “traer campionatos para evitar que os rapaces teñan que ir fóra a competir, cos gastos que iso conleva”, tal e como puxo de manifesto a deputada Begoña Estévez.

Máis de 600 deportistas, 500 embarcacións, técnicos, persoal especializado e un cento de voluntarios converterán Vilagarcía e a ría de Arousa nun preludio do que acontecerá no mundo da vela en Río 2016. “Imos ter os máximos deportistas de elite en cinco citas, que servirán non só para promover a comarca do Salnés senón o centro de vela de onde saíron grandes deportistas galegos coma Tamara Echegoyen ou os irmáns Paz”, manifestou, durante a presentación deste calendario deportivo, Begoña Estévez.

5 eventos nacionais

Desde o vindeiro mes de abril e ata novembro, na ría de Arousa “darase cabida a todas as modalidades de vela lixeira, desde os máis cativos ata os grandes deportistas olímpicos”, tal e como destacou o director técnico da Federación, Alberto García. O Centro de Vilagarcía, quinto na clasificación estatal, segundo puxo de manifesto o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, “completará o seu calendario” coa organización de cinco grandes eventos deportivos.

A Copa España Optimist abrirá o calendario de competicións esta próxima fin de semana, do 2 ó 5 de abril, coa participación de máis de 150 rapaces de entre 6 e 15 anos.

Do 30 de abril ó 3 de maio desenvolverase a Copa España Láser 4.7,   e en xuño terá lugar unha das probas raíña destas regatas. O Campionato de España 49er e FX converterá a ría de Arousa no preludio de Río 2016; os grandes deportistas internacionais daranse cita na ría de Arousa do 22 ó 26 de xuño.

Do 9 ó 12 de outubro o Centro de Vilagarcía organizará a Copa España Láser Radial, e pechará este calendario de regatas de nivel a Copa España 420 en novembro (desenvolverase do 29 de outubro ó 1 de novembro).

Escaparate internacional da Ría de Arousa

A organización desta serie de eventos pretende no só ser un baluarte do traballo que se realiza no Centro Galego de Vela senón das múltiples calidades e capacidades que presenta a ría de Arousa e a comarca do Salnés no seu conxunto para a navegación deportiva.  Tanto a deputada provincial coma os responsables da Federación Galega de Vela e o alcalde de Vilagarcía de Arousa destacaron que esta será un oportunidade para promover, deportiva e turisticamente, a zona  durante todo o ano. “Un escaparate do Salnés e dunha das rías máis bonitas do mundo, á vez que o deporte se converte nun captador de ingresos económicos” para a zona, manifestou o  rexedor vilagarcián, Tomás Fole.

A organización destas cinco probas axudará a formar, en eventos de alto nivel, a técnicos galegos; servirá, ademais, como reclamo para que equipos nacionais e internacionais escollan  o Centro de Vela e a ría de Arousa como un lugar de adestramento de referencia na súa preparación deportiva.

31 de marzo de 2015 | 15:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.