A Deputación de Pontevedra autoriza ao Concello da Guarda a aplicar unha baixa
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, autorizou hoxe o Concello da Guarda a reinvestir 14.500 euros, procedentes dunha baixa da renovación e pavimentación en diversas rúas da Guarda, na mellora dos camiños de Amido e Salgueiró.
A institución provincial concedéralle 178.194 euros ó Concello da Guarda para renovar e pavimentar diversas rúas no centro urbano. Unha vez adxudicado o contrato por parte do Goberno guardés, produciuse unha baixa por importe de 14.500 euros; o Goberno municipal manifestou o seu interese en que fose aplicada na mellora dos camiños de Amido e Salgueiró.
A Deputación autorizou a aplicación desa baixa na mellora destes dous camiños. Como a súa mellora ten un orzamento de 20.340 euros, serán financiados cos 14.500 euros da baixa mencionada e con 5.840 de achega municipal.