A Deputación de Pontevedra adxudica a impartición de cursos de docencia da formación profesional para o emprego en Valga, Mos, Pontevedra, Vigo e Lalín
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe, na súa Xunta de Goberno, a impartición de cursos de docencia da formación profesional para o emprego, do proxecto aQuelando3, en Valga, Mos, Pontevedra, Vigo e Lalín.
En Valga, Mos e Pontevedra concedéuselle o curso Docencia da Formación Profesional para o Emprego a Norformación SL, por 60.000 euros; en Vigo, outro curso similar, con dúas edicións, a Norformación, por 43.763 euros; e en Lalín, un curso similar a Postal Escuela de Negocios, por 22.840 euros.
536 incorporados ó mercado laboral
Onte a Deputación levou a cabo unha xornada do proxecto aQuelando3 centrada no novo período de financiamento europeo: Retos para a Formación e o Emprego na Europa 2020. A Deputación de Pontevedra participa desde o ano 2004 nas convocatorias de axudas dos fondos comunitarios. Concretamente, aQuelando3 está cofinanciado ó 80 % polo Fondo Social Europeo.
Este proxecto, que vai pola súa terceira edición, conta cun orzamento total de 4.042.395,60 euros. Finaliza a súa execución en setembro e ten como obxectivo principal a inserción laboral de persoas desempregadas na provincia de Pontevedra.
Ó longo das tres últimas edicións, desde aQuelando3 conseguiuse que 536 persoas se incorporasen ó mercado laboral.
Desde 2012 ata hoxe aQuelando3 desenvolveu 42 cursos; quedan aínda pendentes de inicio seis cursos, que se impartirán a finais de marzo.