publicidade hoxe

A Deputación de Lugo mantense á cabeza en investimento por habitante

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que, coa modificación orzamentaria aprobada este martes no Pleno, o Goberno provincial deixa a cero a débeda financeira do organismo xa neste mesmo 2015, mentres se mantén, con diferencia, á cabeza das institucións provinciais de Galicia en investimento por habitante. Dos 120 millóns de euros de endebedamento “cos que nos atopamos no 2007 pasamos a cero, facendo ao mesmo tempo “en solitario, investimentos millonarios cun forte retorno económico para a provincia, como o centro de recría, as residencias, os macro plans de emprego, a posta en valor do Pazo de Tor, o hospital de San José, o hotel Miño ou todas as obras do Canon”, subliñou Gómez Besteiro.

“Con esta decisión política histórica e reponsable, a próxima Corporación non terá ningún tipo de atadura, nin de lastre, mal que lles pese a aqueles agoreros que dicían que non levabamos ben as contas públicas. Ninguén poderá dicir que este Goberno de socialistas e nacionalistas actuou de xeito irresponsable”, sinalou o Presidente. Demostramos que “si é posible outra forma distinta de gobernar”, engadiu. “Non renunciamos a investimentos. O que fixemos foi priorizar o emprego e o servizos sociais por riba, por exemplo, das estradas, algo que nunca escondín. Isto é o que se chama facer política e priorizar”.

Segundo explicou, as principais vantaxes de eliminar o endebedamento son, por unha banda, que desaparece a carga financeira, polo “que se deixarán de pagar intereses polos préstamos bancarios e deixaranse de destinar recursos a amortizar débeda, co que estes cartos poderanse dedicar a novos investimentos na provincia. Son cantidades importantes: Neste último exercizo pagamos 10 millóns de euros entre intereses e amortización, que, por exemplo servirán para manter o vindeiro ano o programa social desta Deputación. Non haberá excusas de mal pagador para tumbalo”.

Ademais, “haberá máis autonomía para executar o Orzamento. Xa non existe a obriga de destinar os aforros ao pago da débeda, porque xa non a temos, co que estes fondos quedarán liberados para destinar a investimentos”. Así mesmo, queda totalmente garantida a “sostibilidade económica e a credibilidade” da Deputación, pois non depende de préstamos para afrontar os gastos: nin os correntes, nin os investimentos.

Contrapuxo esta maneira de gobernar, coa doutras administracións, como a Xunta de Galicia, que reduciu á metade os investimentos dende o 2009 e, ó mesmo tempo, triplicou a débeda, “que teremos que pagar todos”.

O Presidente avanzou que ao final do mandato entregará a cada Deputado provincial un certificado individualizado no que quede constatada oficialmente a débeda cero da Deputación.

A modificación do Orzamento, aprobada coa abstención do PP, consiste en anular a operación de crédito de 3 millóns de euros que fora aprobada no presuposto de 2015 e substituíla por superávit obtido no 2014, e amortizar anticipadamente 11,1 millóns de euros de débeda, é dicir, toda a que quedaba pendente. 

Escola Agropecuaria no San Rafael

O Pleno aprobou por unanimidade o protocolo de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela para a posta en marcha dunha Escola Agropecuaria no antigo hospital San Rafael, no Concello de Castro de Rei. Os obxectivos deste proxecto son favorecer saídas laborais a persoas en risco de exclusión social, capacitándoas para traballar no sector agropecuario; e inserir familias no ámbito rural galego mediante a posta en marcha de novas explotacións agropecuarias. Para elo, Deputación e USC crearán unha escola de explotación agropecuaria nas instalación do San Rafael, na que ofrecerán formación gratuíta sobre o sector; porán en funcionamento un banco de terras que permita a creación de novas explotacións agropecuarias no rural; e impulsarán o funcionamento destes negocios favorecendo a dispoñibilidade dos recursos financierios, apoiando o soporte administrativo-legal, garantizando un asesoramento técnico práctico ou contribuíndo a súa integración nas cooperativas agrarias do seu ámbito xeográfico.

Non é a primeira vez que a Deputación busca unha alternativa viable para o San Rafael. O organismo provincial apoiou o proxecto da “Fundación de Daño Cerebral”, colectivo sen ánimo de lucro que traballa en Castro de Rei, para ampliar os seus servizos nestas instalacións provinciais ante o incremento da súa demanda. A Xunta frustrou este proxecto ao negar a Fudace unha subvención para adaptar o San Rafael as súas necesidades. Todo isto logo de que o Executivo de Feijóo abandonase este edificio, incumprindo coa palabra dada aos veciños, nun novo exemplo de discriminación coa provincia de Lugo. Antes do proceso de transferencia dos hospitais provinciais e das eleccións autonómicas de 2009, Feijóo asegurou, nun acto público en Castro de Rei, que non ía deixar no olvido o San Rafael. Cando Feijóo era Secretario Xeral do Servizo Galego e dirixíu as transferencias ao Sergas dos hospitais provinciais de Rebullón, Toén e Conxo, nas provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, asumíu tanto o persoal como os inmobles.

Posta en valor do derradeiro edificio provincial en desuso

Coa transformación do San Rafael nunha Escola Agropecuaria a Deputación de Lugo pon en valor o derradeiro edificio provincial que estaba en deuso. Son exemplo disto a Gardería do Campus, onde Raiolas situará o primeiro centro de formación na provincia para maiores de 16 anos con autismo; a cesión do antigo hospital San José a ASPNAIS, onde esta asociación lucense de axuda a persoas con discapacidade intelectual duplicará os seus servizos de residencia, centro de día e centro ocupacional na provincia; a cesión á COGAMI dunha parcela provincial de case 1.500 metros cadrados para ampliar os seus servizos na provincia; a construción da nova sede da UNED no antigo Hotel Miño; a transformación do Pazo de Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural; a remodelación da Casona do Incio co obxectivo de darlle uso social; a rehabilitación integral que se está a executar en Augas Mestas e a reconversión do Mirador de Mondoñedo nun albergue a través dun obradoiro de emprego remunerado.

Hemodinámica 24 horas

O Pleno aprobou a moción do grupo provincial socialista na que a Deputación de Lugo lle ofrece á Presidencia da Xunta de Galicia financiar a posta en marcha do servizo de Hemodinámica 24 horas no Hula. Inmediatamente despois, Besteiro enviou unha carta a Feijóo para informalo do acordo plenario, esperando agora a súa reposta. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor do PSOE e BNG, e a negativa do PP. Por 4ª vez nun Pleno Provincial no que se debateu a política sanitaria da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, escenifícouse a ruptura no PP.Hoxe non estivo na sesión plenaria Antonio Muíña, como tampouco o fixo na de febreiro, cando se aprobou a reprobación de Rocío Mosquera; e na de decembro, cando se acordou pedir a dimisión da Conselleira. No Pleno de xuño, no que se aprobou esixir ao PP a inmediata retirada das súas emendas á ILP, o tamén Alcalde de Friol ausentouse da sala, xusto no momento da votación.

Hospital Xeral

Aínda a abstención do PP, o apoio dos Deputados de PSOE e BNG sacaron adiante a outra moción do grupo provincial socialista na que a Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia que dote de servizos sanitarios ás antigas instalacións do Hospital Xeral, cumprindo así coas promesas que realizou no 2011 o Presidente Feijóo de instar un Centro de Saúde e un PAC. O organismo provincial tamén insta ao Goberno galego a que desenvolva un Plan Integral de dinamización para garantir a actividade no barrio lucense da Residencia e que cubra as necesidades asistenciais da zona. 

Vestas

Aprobada por unanimidade a moción na que a Deputación de Lugo demanda á Xunta de Galicia o seguinte: xestións para o mantemento e ampliación do emprego, así como a viabilidade da factoría de Vestas Nacelles en Chavín (Viveiro); accións para impulsar o desenvolvemento da industria eólica en Galicia, desbloqueando o parón desta actividade nunha Comunidade con gran potencial no sector como a galega; e condicións en materia de infraestruturas de transporte para axudar a que industrias como Vestas Nacelles e outras con asentamento na Comarca da Mariña, podan ampliar e acrecentar a súa capacidade produtiva e competitiva.

31 de marzo de 2015 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.