publicidade hoxe

A Deputación de Lugo inviste 273.000 euros na reforma da estrada de Adai

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Corgo
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este xoves no Corgo un investimento de 272.700 euros para acometer a primeira fase das obras de reforma da estrada LU-P-1602, de San Cristóbal a Adai, saldando así unha débeda pendente cos veciños da localidade. O actual Goberno provincial tivo que ocuparse de finalizar as expropiacións, ás que destinou 390.000 euros, redactou o proxecto e agora dota de orzamento aos traballos, que se executarán con fondos propios, desbloqueando así un plan que o anterior Goberno do PP contratou sen ter dotación económica, nin os terreos precisos, a través do plan dos 50 millóns que nunca chegou a concretar. Isto supuxo que a empresa contratada pedise á Deputación a resolución do contrato, pois non puido executar as obras ao non contar cos terreos necesarios.

O proxecto que agora se acometerá consiste na mellora do trazado dende o comezo da vía ao punto quilométrico 1,540, tramo no que se eliminarán as curvas que presentan máis perigo para os usuarios e suavizaranse outras. Tamén se ensanchará dos 7 aos 8 metros a calzada, incluídas as beiravías; renovarase o firme con dobre capa de aglomerado en quente, o material de máis alta calidade e duración, e renovarase a sinalización horizontal e vertical. Todas estas actuacións redundarán nunha importante mellora da seguridade da estrada.
Gómez Besteiro avanzou que a Xunta de Goberno do luns aprobará a contratación desta primeira fase das obras, polo que poderán comezar nun mes e estarán rematadas a finais de ano. O Presidente garantiu que a Deputación continuará co arranxo da vía en vindeiras fases.
Destacou neste senso que a estrada provincial de San Cristóbal a Adai “ten unha importancia fundamental para a vertebración do Concello do Corgo” porque une os numerosos pobos da zona norte do municipio, dende a N-VI, co núcleo do Corgo, e comunica tamén a zona centro e norte da localidade coa capital lucense.

Resposta ás peticións dos Orzamentos Participativos

O Presidente subliñou que esta actuación na rede viaria provincial do Corgo “responde ás demandas dos veciños nos Orzamentos Participativos”, pois Infraestruturas foi unha das áreas de actuación que os cidadáns marcaron como prioritarias. De feito, a Deputación reforzou xa no 2014 os investimentos neste eido con 9,2 millóns de euros e as partidas do 2015 para infraestruturas suman 11,5 millóns, entre o Plan de Obras e Servizos (POS), o plan de conservación e mantemento dos 4.200 quilómetros de estradas provinciais, o Plan de Infraestruturas Veciñais e o Programa Estratéxico do Medio Rural (PEIM).

Investimentos de 1,7 millóns no Corgo

O investimento de preto de 273.000 euros na reforma da estrada de Adai súmase aos máis de 1,7 millóns de euros que a Deputación leva destinado á mellora e dotación de servizos e infraestruturas do Concello do Corgo dende o ano 2007. Entre outras actuacións, a mellora do cinto comarcal, o acondicionamento de accesos en Sanfiz de Bergazo, Cerceda, Monte Silva, Piñeiro-Quetesende, no acceso dende a N-VI a Laxosa, de Farnadeiros a Lapio, de Arxemil a Boelle, e Vilachá; o acondicionamento do camiño de Quetesende a Vilaceleiro; o reforzo da ponte sobre o río Tórdea á altura de Fonteita; a traída de auga a Sendín e Santo André de Chamoso, ou a recuperación do caneiro de Moscán; o saneamento de Arxemil; a dotación de aglomerado na estrada de Maceda a Veiga, e o acondicionamento de zonas verdes no entorno do centro de día e o centro sociocultural.

19 de marzo de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.