A Deputación da Coruña oferta rutas temáticas aos colexios baixo o proxecto “Turismo Escolar”
A Deputación da Coruña porá en marcha nas próximas semanas unha nova iniciativa destinada á promoción do seu Patrimonio, esta vez cos máis novos como protagonistas. Con este obxectivo o presidente provincial, Diego Calvo, presentou esta mañá o proxecto Turismo Escolar, dirixido a nenos e nenas de Infantil e Primaria da provincia, acompañado polo vicepresidente e responsable da área de Promoción Económica, Medio Ambiente e Turismo, Antonio Cañás.
“Se hai unhas semanas mostramos un novo vídeo sobre os lugares e edificios máis singulares do noso Patrimonio, hoxe damos un paso máis, e ofertamos visitas guiadas gratuítas a todos os colexios da provincia”, explicou Calvo, que engadiu que este plan inclúe, ademais, tres rutas temáticas diferenciadas.
Así, os directores dos centros educativos recibirán nos próximos días unha carta con información sobre o proxecto, que busca promover as visitas dos nenos e neas aos edificios e monumentos propiedade da Deputación para así “completar con práctica a teoría que estudan nos colexios”.
As instalacións e edificacións singulares que forman parte do patrimonio da institución provincial están xa abertas ao público e tamén aos colexios, que poden solicitar visitas organizadas. A partir de agora, ademais, poderán pedir a súa inclusión nalgunha das tres rutas temáticas que ten deseñado a institución provincial. Son as seguintes: a denominada “Da Prehistoria ao Medievo”, que inclúe paradas no dolmen de Dombate e o Castelo de Vimianzo; “Coas mans no barro” con actividades prácticas no Ecomuseo Forno do Forte; e “O Bosque Animado”, un percorrido polo Pazo de Mariñán e os seus xardíns e máis pola Casa Wenceslao Fernández Flórez.
Segundo explicou Diego Calvo, esta iniciativa forma parte da “responsabilidade” que debe asumir a Deputación de “coidar, manter e tamén ensinar e promover un patrimonio rico e diverso como poucos”. “Aínda que comezamos con tres itinerarios, que estarán xa operativos despois das vacacións de Semana Santa, a nosa intención é ir incrementando a oferta para que, a inicios do curso que vén, todo o noso patrimonio estea incluído en algunha ruta”, matizou Calvo.
Todos os centros interesados en reservar algunha data para participar nas visitas poden facelo a través do correo electrónico turismo.escolar@dicoruna.es ou chamando ao 981080608.
Concurso entre todos os participantes
Para motivar aos nenos e darlle un pulo especial a esta nova iniciativa, o presidente tamén anunciou a próxima convocatoria dun concurso entre todos os participantes, que deberán realizar un debuxo ou unha redacción sobre a visita. A Deputación, que publicará as bases deste premio no Boletín Oficial da Provincia, premiará os mellores traballos presentados en dúas categorías diferentes: de 4 a 8 anos e de 9 a 12 anos.











