A Deputación concede 327.000 euros a Redondela para mellorar a estrada da praia de Cesantes e urbanizar o camiño de Costoia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraRedondela
A-
A+

A Deputación de Pontevedra aprobou, na súa Xunta de Goberno do pasado venres, a concesión de dúas subvencións ó Concello de Redondela por un valor total de 327.337 euros para urbanizar o camiño de Costoia e pavimentar a estrada da praia de Cesantes.

Este segundo traballo recibirá unha axuda de 149.337 euros, xa que, nos últimos anos, a estrada da praia de Cesantes, no seu transcorrer a carón da vía do tren, sufriu unha importante deterioración debido ó uso habitual da estrada e tamén por actuacións de mellora das infraestruturas viarias próximas, coma a construción de muros de contención dos noiros da vía ou a instalación de redes de drenaxe.

140 metros de contención dos noiros da vía do tren

A construción dos muros de contención ocasionaron un ancheamento da calzada que non foi pavimentado no seu momento e que, coas choivas, lles ocasiona problemas ós veciños da zona.

O proxecto da obra da estrada de Cesantes prevé, entre outros traballos, a contención dos noiros da vía do tren nun tramo de 140 metros, para evitar a caída do balastro na estrada, e a colocación dunha barreira de seguridade tipo “bionda” con faldrón para motoristas na subida a un paso superior da vía que se atopa ó final do tramo de actuación.

Na mesma sesión do pasado venres a Xunta de Goberno da Deputación acordou concederlle 178.000 euros ó Concello para levar a cabo os traballos de urbanización do denominado camiño de Costoia, en Redondela. Os traballos implicarán a dotación de redes de saneamento, abastecemento e similares.

9 de marzo de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.