A Deputación concede 15.000 euros a Down Pontevedra
A Deputación destina 15.000 euros ó proxecto “Estimulación da linguaxe oral”, que ten por finalidade potenciar a comprensión e a expresión oral e mellorar as habilidades sociais das persoas con Síndrome de Down, un dos eixes fundamentais para a integración social destas persoas; “desde cativos ata persoas adultas que precisan corrixir aspectos da súa vocalización para unha plena socialización”, afirmou o presidente da entidade pontevedresa.
Coa renovación deste convenio, que desde fai seis anos financia a Deputación, un equipo especializado de logopedas de Down Pontevedra consegue que 47 membros desta entidade perfeccionen as súas capacidades comunicativas e as súas relacións sociais, co fin de mellorar a súa calidade de vida, adaptando o traballo destes profesionais ás cualidades, capacidades e idade de cada unha das persoas con Síndrome de Down.
Programa de estimulación da linguaxe oral
A través do programa de estimulación da linguaxe oral preténdese detectar posibles factores que dificultan a adquisición da fala; mellorar a linguaxe e potenciar a comprensión e expresión verbal, coa inclusión da linguaxe de signos e outros sistemas de comunicación; así como desenvolver as habilidades sociais dos nenos e mozos con Síndrome de Down, coa finalidade de promover, deste xeito, a mellora das súas relacións interpersoais. Este proxecto tamén permite darlles ás familias as pautas axeitadas para facilitar a adquisición e o desenvolvemento da fala e a linguaxe.
A deputada Ana Isabel Vázquez reiterou “o compromiso da Deputación de apoiar o labor que realiza Down Pontevedra en beneficio da integración destas persoas”. Na actualidade Down Pontevedra Xuntos dispón dun equipo de 14 profesionais en distintas especialidades que atenden os 100 usuarios da asociación e as súas familias.
Manuel Pérez agradeceu que “nestes tempos de dificultades económicas a Deputación manteña esta aposta con nós, que é básica para seguir adiante cos nosos proxectos”, aínda que recoñeceu que os seus esforzos resultan insuficientes pola falta dun espazo no que poder unificar todos os seus servizos. Neste momento a asociación conta con dous pisos e están “pendentes de conseguir uns locais na residencia da ONCE, aínda que de todos é sabido que queda un pouco distanciada, cando o noso proxecto e darlles visibilidade ás persoas con Síndrome de Down, polo que non é o lugar máis axeitado”, asegurou o presidente de Down Pontevedra Xuntos.
Día Internacional do Síndrome de Down
Despois de asinar o acordo, e na véspera da celebración do Día Internacional do Síndrome de Down, a deputada de Asuntos Sociais, Marta Iglesias, quixo agradecerlles o traballo que tanto Down Pontevedra Xuntos coma Down Vigo desenvolven dende hai anos en beneficio da integración social e o desenvolvemento persoal dos afectados polo Síndrome de Down.
O vindeiro luns 23 de marzo a Deputación asinará outro convenio de colaboración con Down Vigo para poñer en marcha un novo proxecto,”Escola de vida: proxecto amigo e vivenda compartida”, un programa co que se pretende que as persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual desenvolvan recursos e capacidades para ter unha vida autónoma, independente e autoxestionada, unha vez que acadan a formación precisa que lles facilita o acceso ó mundo laboral.
A Deputación de Pontevedra financiará con 15.000 euros este programa que beneficiará a 90 persoas.











