A delegada da Xunta en Vigo reúnese con Povisa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Europa Press

A delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, reunirase este luns a última hora da tarde coa dirección do hospital Povisa, para buscar “posibilidades de encontro” entre as empresas e os seus traballadores (tres dos cales levan en folga de fame case dúas semanas para reclamar a suspensión de 13 despedimentos).

En calquera caso, Bravo Bosch advertiu de que o “único papel” que pode desempeñar a Administración galega neste conflito é o de “mediador” de carácter laboral. “É unha relación dunha empresa cos seus traballadores”, apuntou, e insistiu en que a Xunta non actuará desde o punto de vista do Sergas, senón como “autoridade laboral”.

Nesa liña, a delegada territorial reiterou que a Xunta “nin pode impor nin facer máis nada que ter o papel de mediador entre unhas partes que teñen unha relación privada entre eles”.

Con respecto ás denuncias do comité de empresa, sobre a diminución na calidade asistencial de Povisa debido aos recortes de persoal e ás modificacións de xornadas, María José Bravo Bosch lembrou que existe unha “auditoría tremendamente exhaustiva” realizada por unha inspectora do Sergas “con fama de dura”, na que se constata que dita calidade asistencial “é boa”. “Ao Sergas non lle consta que a calidade asistencial sexa como os traballadores propugnan”, concluíu.

FOLGA

Mentres, tres traballadores do hospital vigués (a presidenta do comité, unha delegada da CIG e un dos empregados despedidos), que este fin de semana recibiron a visita da mediática relixiosa Sor Lucía Caram, manteñen a folga de fame en protesta polas medidas da empresa. Un dos folguista, Eduardo Davila, tivo que abandonar a protesta o pasado sábado por recomendación médica e ante os riscos que corría a súa saúde.

Os traballadores celebrarán este luns ás 15.00 horas unha asemblea para informar sobre a situación das persoas que manteñen o xaxún e para decidir próximas medidas de presión.

23 de marzo de 2015 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.