A Coruña ferve coas actividades do Fórum Cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Fórum Cidade segue enchendo de actividade a cidade da Coruña antes do Fórum Gastronómico que se celebrará do 15 ao 17 de marzo. Algunhas actividades deste programa xa colgaron o cartel de completo, é o caso das visitas á lonxa e de Gastro & Music Night con Pepe Solla e Iván Ferreiro.

Unha proposta orixinal é o Museo Gastronómico. “A Domus – Casa do Home ofrece o martes 10 unha visita exclusiva, coas portas xa pechadas ao público, que concluirá cunha degustación gastronómico – científica”.

Fotogramas & Taninos permitirá degustar os mellores viños da man do sumiller Xoán Cannas acompañados de fragmentos de películas e comentaristas destacados. Será o mércores 11, no Teatro Rosalía de Castro.

O Hotel Attica 21 será o escenario o xoves 12 da Cea Colectiva “Saborea Coruña”. Unha ocasión única, de prazas limitadas, coas propostas de Alborada (Iván Domínguez), Attica 21 (Diego Bello), Bocanegra (Pablo Pizarro), Culuca Cociña Bar (Chisco Jiménez), Doriel (Ariel Mendizábal), Pablo Gallego (Pablo Gallego) e Vinoteca Jaleo (Anxos Marzoa).

O Cook Trends, espazo de tendencias de restauración contemporánea, reunirá por primeira vez en Galicia a postos e foodtrucks. Estrearanse na zona do Obelisco o xoves 12, onde seguirán o venres 13 e o sábado 14; para logo situarse na galería de cristal de ExpoCoruña os días 15, 16 e 17 de marzo, coincidindo coa celebración do Fórum Gastronómico.

O Fórum Tapas é a proposta na que bares e restaurantes coruñeses ofrecen unha creación orixinal ata o 14 de marzo. O prezo das tapas é de 2 euros. Ademais das tapas, distintos establecementos da cidade ofrecen menús cun prezo especial. Trátase das propostas Prato & Viño e Menús Saborea Coruña que se alongan, respectivamente, ata o 17 e 14 de marzo.

O 15 de marzo chegará 2 cidades 4 mans, onde un grupo de restaurantes coruñeses abrirán as súas portas a novos cociñeiros composteláns. Man a man, ofrecerán creacións conxuntas a un prezo único de 2 euros.

Ademais, o Fórum Cidade conta con Sesións Vermú amenizadas por grupos musicais en distintos locais os días 7, 8, 14 e 15; e con Catas e Talleres para descubrir e gozar cos mellores produtos en Espazos Fórum de toda A Coruña.

6 de marzo de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.