publicidade hoxe

A cooperación co tecido empresarial local mobilizou 11 millóns de euros en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+
Francisco Conde na visita ao polígono industrial do Reboredo

Francisco Conde na visita ao polígono industrial do Reboredo

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe o polígono industrial do Reboredo, en Monforte de Lemos, onde subliñou a importancia da cooperación co tecido empresarial local. Neste sentido, o traballo conxunto levado a cabo nos últimos 6 anos ten contribuído a mobilizar preto de 11 millóns de euros no municipio, en ámbitos como a innovación, a internacionalización e o financiamento.

Conde, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou que este “esforzo compartido” co empresariado da comarca está a permitir “apoiar diferentes proxectos de innovación e emprendemento”. Así, explicou, a provincia de Lugo contará cunha aceleradora de innovación, AgroBiotech, que achegará as pemes locais un completo programa de “tutelaxe, de mentorización e de impulso ao crecemento”, coa posibilidade de acceder ao Fondo I2C que está dotado con 15 millóns.

Este espazo, aprobado onte polo Consello da Xunta, ubicarase no Centro Tecnolóxico Agroalimentario – CETAL, centrándose nos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa. “Trátase dun sectores moi vinculados á provincia de Lugo, e á de Ourense, que contará con outra aceleradora no Parque Tecnolóxico Empresarial”, incidiu o conselleiro, quen apuntou que, deste xeito, dase continuidade ás aceleradoras xa en marcha de Vigo, ViaVigo, e de Santiago, Galicia Open Future.

“Seguimos apostando pola Galicia do interior, e neste caso con proxectos moi concretos”, resaltou Conde. Así, o titular de Economía e Industria lembrou as rebaixas na venda de solo empresarial que se están a impulsar no contexto da Axenda da Competitividade Industrial Galicia: Industria 4.0.

Grazas a estes descontos, nos dous primeiros meses do ano adxudicáronse preto de 90.000 m2 de solo nos parques empresariais da provincia de Lugo. “Unha aposta que se mantén cunha nova fase de venta de solo que poñerá en marcha o IGVS en abril, permitindo ás empresas interesadas en instalarse no Porto Seco de Monforte obter descontos do 50%”, incidiu Conde.

O titular de Economía e Industria avogou por seguir impulsando a cooperación municipal co obxectivo de que esta “siga dando novos froitos” para avanzar no camiño da recuperación económica. Un traballo que permitiu impulsar actuacións no propio parque empresarial do Reboredo, con melloras centradas na depuradora de residuos industriais. Ademais, promovéronse distintas iniciativas no eido comercial, cooperando na mellora das infraestruturas comerciais ou no impulso ao asociacionismo no sector.

6 de marzo de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.