A conselleira de Sanidade visita os novos quirófanos de urxencias do CHUAC

Rocío Mosquera na visita aos novos quirófanos
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, visitou hoxe os tres quirófanos de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que contan cunha superficie de preto de 1.000 metros cadrados, e que, segundo a titular da carteira sanitaria “van facilitar a actividade dos nosos profesionais e redundarán en beneficio da cidadanía”.
Estes tres quirófanos están dotados cun equipamento que tivo unha dotación de 400.000 euros, e forman parte do novo bloque cirúrxico que conta con 18 quirófanos e ten unha superficie total de 4.500 metros cadrados. A data prevista para que estea listo o conxunto da planta é decembro deste ano.
No acto, tamén estiveron presentes, a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo; o concelleiro de Economía e Facenda do Concello da Coruña, Roberto Coira; o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa; o xerente de Xestión Integrada, Francisco Vilanova; e a xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez.
Segundo afirmou a conselleira, as novas salas de operacións contarán “cos máis altos estándares en materia de tecnoloxía, equipos médicos e condicións estruturais, propiciando, deste modo, un ambiente máis axeitado para a realización das máis complexas cirurxías”. Tal e como remarcou, “estas novas infraestruturas amosan o noso compromiso pola modernización para seguir prestando unha atención sanitaria de calidade tal e como merecen os nosos cidadáns”.
Agradecemento aos profesionais do servizo de urxencias
A conselleira lembrou que hai menos dun ano púxose en marcha o novo servizo de urxencias deste centro sanitario, que pasou de 969 metros cadrados a máis de 4.000, e que supuxo unha importante reorganización do traballo, polo que agradeceu de maneira especial ao profesionais deste servizo o seu labor diario.
A obra enmárcase na segunda fase do Plan Director, que conta cun presuposto vixente líquido da obra de 32.771.777,28 €.
Rocío Mosquera tamén destacou que, dende 2009, o seu departamento leva investidos ao redor de 37 millóns de euros nos hospitais da cidade herculina.
Indicadores do centro
Na súa intervención, a conselleira subliñou algúns indicadores que amosan a capacidade de traballo e excelencia do centro sanitario coruñés. Así, a modo de exemplo, nestes cinco anos, a espera media cirúrxica no hospital reduciuse en 30 días, pasando de 104,2 días en 2009 a 74,5 en 2014, ano no que se realizaron no CHUAC 28.824 intervencións cirúrxicas, 3.817 máis que no 2009. Asemade, as consultas hospitalarias incrementáronse en 10.000, superando as 661.000 no 2014.
Tamén o centro está na vangarda non só en asistencia, senón, igualmente, en actividade docente, innovadora e investigadora. A recente avaliación positiva na auditoría feita polo Instituto Carlos III ao INIBIC é moi boa proba.
Non esqueceu tampouco a conselleira o traballo que se realiza nos centros de saúde, xa que a xerencia transcende ao hospital e, neste senso, remarcou a súa aposta explícita pola Xestión Integrada, xa que é a mellor ferramenta para conseguir que todos, tanto os que traballan en atención primaria como nos hospitais, o fagan xuntos e ao redor do paciente.
Máis actuacións na área
Entre as infraestruturas, servizos e programas postos en marcha, entre outros destacan infraestruturas realizadas entre 2012 e 2013 como o servizo oftalmoloxía e a unidade de mama, realizadas no Hospital Abente e Lago; o hospital de día cirúrxico ou a unidade de exploración neurofisiolóxica, no Hospital Teresa Herrera; ou a reforma da planta de cardioloxía, a reforma da hospitalización de obstetricia e xinecoloxía, e a unidade de reprodución humana.
Sobre os servizos postos en marcha dende 2012 destacan o de densitometría ósea no centro de especialidades do Ventorrillo. Tamén a reorganización de radioloxía xeral por centros de proximidade (A Coruña, Sada, Perillo, Acea da Ma).
Así mesmo, puxéronse en marcha o banco de córneas, a reorganización de unidade preingreso, o desenvolvemento da e-consulta en endocrinoloxía, consulta de uveítes en reumatoloxía, o plan de comunicación para pacientes e médicos, o novo servizo de urxencias, a potenciación do servizo de hospitalización a domicilio, o de alta resolución en medicina interna e neuroloxía, atención integral ao paciente con insuficiencia cardíaca-cardioloxía, reacción da unidade de enlace en urxencias-hado-medicina interna, a creación de consulta de control de prestación de terapia respiratoria a creación da consulta de nefroloxía, e a adecuación farmacolóxica en enfermidades raras. Tamén a consulta de enfermería de reumatoloxía e a consulta de embarazo e muller con enfermidade autoinmune.