A Concellería de Voluntariado presenta o seu plan formativo con 5 novas propostas
A concelleira de Voluntariado do Concello de Ourense, Mónica Vázquez, e o técnico da Concellería, Miguel Veiras, presentaron esta mañá o plan formativo da Concelleria de Voluntariado para o primeiro semestre do presente ano. Con el preténdese proporcionar ás persoas voluntarias da cidade a posibilidade de incrementar a súa formación en diferentes especialidades, ao tempo que poñer en valor o papel tan importante que están a realizar os voluntarios e voluntarias na cidade, colaborando coas entidades de acción voluntaria e nas distintas actividades e programas do Concello. Este plan dá continuidade ao desenvolto en anteriores ofertas formativas, que tiveron moi boa aceptación, contando coa participación de 150 persoas nos diferentes cursos ofertados.
A convocatoria comezará cun CURSO DE INICIACIÓN AO VOLUNTARIADO, os días 7 e 8 de abril, pensado para todas as persoas que recentemente se inscribiron como voluntarias, para que teñan unha idea clara de cales son os seus dereitos e deberes, e adquiran os coñecementos necesarios para desenvolver o seu labor solidario.
Tamén se impartirá un curso de TECNICAS DE ANIMACIÓN XERONTOLÓXICA (20 a 29 de abril). No último ano, desde a Oficina de Voluntariado detectamos un incremento de solicitude de persoas voluntarias para acompañar a persoas maiores que en ocasións se atopan sós na súa casa sen posibilidade de conversar ou de saír a dar un paseo, polo que se considera fundamental os voluntarios e as voluntarias estén ben formados neste campo.
A oferta formativa inclúe tamén un CURSO DE INTELIXENCIA EMOCIONAL E VOLUNTARIADO, que se desenvolverá do día 4 ao 6 de maio, un CURSO DE APOIO PSICOSOCIAL A PERSOAS DEPENDENTES, do 11 ao 20 do mesmo me , e xa por último e como novidade un CURSO PARA ELABORACIÓN DE PROXECTOS E DESEÑO DE ACTIVIDADES DE VOLUNTARIADO dirixido a persoas voluntarias e a persoal técnico das entidades da nosa cidade. Será semipresencial, con 10 horas presenciais e 20 horas on-line. Será neste caso do 15 de abril ata o 27 de maio. Todos os cursos serán no Centro cívico da rúa Colón, “Casa da Maxia”.
As persoas interesadas deberán cubrir unha ficha que se facilitará nas dependencias da Concellería de Voluntariado (Praza de San Martiño nº2, 2º), a través da web do Concello (www.ourense.es) ou na páxina web da Concellería de Voluntariado (www.ourensevoluntario.org) ou na Oficina de Atención Cidadá en quenda de tarde.
Cursos gratuítos para persoas inscritas na Oficina de Voluntariado
Os cursos son gratuítos, sendo o único requisito para poder participar no curso básico estar inscrito como voluntario/a na oficina municipal e para o resto, será preciso ademais ter realizado o curso de iniciación ou acreditar ter recibido formación básica en voluntariado. Contran con 20 prazas cada un, que se adxudicarán por orde de inscrición, agás o de elabporación de proxecto, que contará con 22 prazas.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Ourense, sita na Praza de San Martiño, e na web www.ourensevoluntario.org, con todas as novidades, noticias, oferta formativa, lexislación, imaxes das accións formativas, ligazóns, etc, e información de interese.
A día de hoxe, na Oficina municipal hai inscritas un total de 434 persoas como voluntarios/as: 300 mulleres e 134 homes.











