A clase política despide a Francisco Cacharro
Centos de persoas acudiron a despedir o expresidente da Deputación de Lugo Francisco Cacharro, a capela ardente da cal se instalou no salón de plenos da institución que gobernou durante 24 anos. Ás 11,00 horas abriuse o velorio, onde a súa familia se mesturou con políticos que tamén quixeron despedir o exbarón popular, como o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o voceiro do PP no Senado e presidente provincial, José Manuel Barreiro; e o presidente da Deputación e secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.
Segundo confirmou o tamén secretario xeral do PP galego, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, acudirá ao sepelio, que ten lugar na tarde do luns.
Besteiro ofreceu o Pazo de San Marcos para velar a Cacharro, antes da súa condución, sobre as 16,30 horas, á Igrexa de Santo Antonio onde se oficiará o funeral e posterior traslado ao cemiterio de San Froilán.
Ante as críticas por este ofrecemento, ademais de polos tres días de loito decretados polo goberno provincial, procedentes dos seus socios de goberno do BNG, así como de AGE, Besteiro non quixo entrar “a facer ningún tipo de valoración nese sentido”.
“A propia entidade desta institución, que ten máis de cen anos, tennos que dar leccións a historia, pero esta institución o que ten que facer é preservar o respecto institucional e fixemos o que se debía de facer”, xustificou.
“MARCOU UNHA ETAPA DE ÉXITOS”
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresou “un sentimento de pesar” polo falecemento do seu compañeiro de partido; e enviou unha mensaxe de “solidariedade” de todo o PP galego sobre a desaparición dun figura que “significou muchísimo na historia do Partido Popular de Lugo e de Galicia”.
“Marcou unha etapa na que o PP logrou importante éxitos e, polo tanto, forma parte da historia. Foi un compañeiro de partido e queriamos estar aquí para darlle o último adeus e estar coa familia”, remarcou.
Na mesma liña o presidente provincial e voceiro popular no Senado, José Manuel Barreiro, non desaproveitou a ocasión para transmitirlle á familia o “pésame” pola morte de Francisco Cacharro, que foi unha “persoa fundamental na historia de Lugo e que tivo unha participación decisiva e activa dende esta provincia no conxunto da política galega”.
“Dificilmente se poderían entender os últimos 30 anos da historia desta provincia sen a súa participación. Son moitos os logros que se conseguiron, e eu destacaba como un dos máis relevantes o campus de Lugo”, subliñou.
Pola súa banda, preguntado en rolda de prensa en Santiago, o deputado por Lugo Vicente Docasar, que coñecía persoalmente Cacharro Pardo pola súa profesión de inspector educativo, desexou o “máis sentido pésame da familia socialista” e o seu aos achegados do exbarón popular.
CRÍTICAS
O tamén deputado lucense Ramón Vázquez, por parte de Alternativa Galega de Esquerda, expresou o seu pesar á familia, pero indicou que Cacharro Pardo estaba “nas antípodas políticas do que nós representamos e nas antípodas das formas e usos políticos”.
Ao tempo, censurou “o uso de institucións públicas, como é o caso da deputación provincial, durante un proceso que é puramente íntimo e familiar como é a morte”. “Non estamos de acordo e non coincidimos con eses usos e esas formas”, agregou.











