A CIG denuncia irregularidades na adxudicación do servizo da cafetaría da Brilat en Pontevedra
O sindicato CIG denunciou este venres “irregularidades” na nova adxudicación da concesión do servizo da cafetaría da Base da Brigada de Lixeira Aerotransportable (Brilat) en Pontevedra, que se fará público nos próximos días despois dun concurso no que seis empresas quedaron finalistas.
Segundo a central nacionalista, a empresa que se atopaba en cuarto lugar entre as ofertas, Novet-Pomar, será a que leve a adxudicación debido á baixada de prezos presentada que alcanza o 20%, unha baixada cualificada de “temeraria” por parte do sindicato nacionalista.
Así as cousas, a CIG sospeita que os prezos volverán subirse dentro duns meses, segundo apunta, “co permiso da Brilat”.
A secretaria comarcal de CIG-Servizos de Pontevedra, Diana Rodríguez, e o secretario comarcal da central, Marcos Conde, aseguraron que a empresa Novet-Pomar foi creada por María Jesús López Somoza, administradora da actual concesionaria do servizo de cafetaría do cuartel da Brilat, que está imputada por un delito contra a liberdade sindical.
Estes responsables sindicais advirten que existen “intereses” dende a Unidade de Servizos de Bases (USBA) da Brilat para que López Somoza e o seu socio o empresario gaditano José Luis Espinar “continúen sendo os que manteñan a actividade da cafetaría na instalación militar” a pesar das diferentes “irregularidades” que, dende a CIG, se veñen denunciando con situacións que cualifican de acoso e que, segundo Diana Rodríguez, “rozan o esperpento”, ata o punto de non conceder as horas sindicais á delegada para poder asistir á rolda de prensa.
Entre as condutas denunciadas, a CIG sostén que este empresario “paga cando quere, efectua os pagamentos das nóminas en man e a través de céntimos, tivo que reincorporar tres veces a unha mesma traballadora porque o seu despedimento foi anulado polos xulgados, ou mantivo esa mesma empregada nun espazo pechado sen realizar ningunha actividade”.











