A Banda de Música de Vilagarcía celebra o seu 150 aniversario cunha actuación no Luar
A Banda de Música de Vilagarcía conmemora este ano o seu 150 aniversario, unha década que a formación pretende celebrar por todo o alto organizando unha serie de actividades extraordinarias para compartir con todo o mundo a través de diversos medios. A televisión autonómica será un deles, xa que este venres, a Banda actuará no programa máis senlleiro da TVG, O Luar.
A Banda de Música de Vilagarcía será a encargada de abrir o Luar da noite do venres coa interpretación da muiñeira “Namoriqueira”. A formación dirixida por Jesús Nogueira desprazará a sesenta músicos ata o plató da TVG dende onde se emite o programa. Esta será a primeira vez que a Banda vilagarciá intervén no programa que presenta Gayoso.
A Banda de Música tamén participa de xeito activo nos actos do LI Concurso Exposición Internacional da Camelia que se realiza esta fin de semana en Vilagarcía. Con motivo do evento floral, a Banda protagoniza un concerto especial o domingo a mediodía en Fexdega, lugar onde se desenvolverá o certame dedicado á flor das Rías Baixas. O concerto comezará ás 12:30 horas e o programa incluirá pezas musicais relacionadas coas flores.











