publicidade hoxe

A Asociación de Xestores Culturais organiza mañá un encontro en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Mañá, martes 3 de marzo, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) organiza no espacio Magma Coworking de Ourense (rúa Bedoya, 27) o encontro-debate “Boas prácticas e xestión cultural de proximidade”. O obxectivo é coñecer a realidade dos axentes culturais ourensáns e propoñer modelos de boas prácticas para o eido local.

O foro, que se celebrará das 16.30 h as 20 h, está orientado tanto as empresas e profesionais do ámbito cultural, como a persoas das formacións políticas que teñan ou vaian ter responsabilidades nas decisións culturais locais.

Traballarase con dinámicas áxiles e obxectivos concretos, afondando en cuestións como os valores, modelos e procedementos que se poden considerar boas prácticas na xestión cultural local; os espazos, entidades ou sitios web nos que se pode atopar coñecemento ou debate sobre este tema; os proxectos que poden servir de exemplo de boa práctica en Ourense e na provincia, así como as personas ou entidades que son unha referencia. 

A inscrición e gratuíta, pero as prazas son limitadas e os membros da AGPXC teñen prioridade.

Recursos útiles para o sector

Este traballo de creación colectiva dunha guía de recursos e boas prácticas da xestión cultural de proximidade -eido no que traballan a maioría dos profesionais, tanto do sector público como do privado- forma parte dun intenso proceso de debate impulsado pola AGPXC e no que xa participaron centos de profesionais da cultura ao longo dos últimos anos. O debate frutifica agora nunha serie de recursos que queren ser de utilidade para os profesionais do sector e para as formacións políticas que vaian a ter responsabilidades nas políticas culturais locais a partir das eleccións do mes de maio.

Tomando principalmente como referencia o traballo previo da Comisión de Cultura da FEMP (2009) sobre a Axenda 21 da Cultura, os recursos artellaranse arredor dos seguintes puntos: “Participación cidadá e acceso á cultura. Públicos e tecido cultural local”, “Ferramentas e mecanismos de bo goberno na acción cultural local: Recursos, avaliación, rendición de contas, transparencia”, “A cultura como factor de desenvolvemento local: social, económico e territorial” e “Xestión do patrimonio cultural material e inmaterial”.

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) nace en maio de 2008 como un espazo de encontro e reflexión así como unha plataforma de representación profesional. Forma parte da Federación Estatal de Asociaciones de Gestores Culturales (FEAGC) e para organizar estes encontros conta co apoio da Secretaría de Estado de Cultura e da Deputación da Coruña.

2 de marzo de 2015 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.