Xuventude programa unha actividade de lecer e aventura en Portugal durante Semana Santa
A Concellería de Xuventude organiza un ano máis unha actividade de turismo activo e de deporte de aventura no Parque Pena Aventura (Portugal) durante as datas da Santa. O prazo de preinscrición estará aberto ata o 19 de marzo. A actividade, presentada en rolda de prensa pola concelleira de Xuventude, Maite Cancelo, realizarase entre o 30 de marzo e o 1 de abril nas instalacións do Pena Aventura Park, en Portugal. O campamento está destinado a rapaces e rapazas de 14 a 30 anos empadroados en Santiago, aínda que en caso de quedar prazas vacantes atenderanse outras solicitudes. Ofértanse un total de 40 prazas.
O prezo é de 45 euros, que inclúen monitores, desprazamento, actividades e pensión completa. Xa está aberto o prazo de preinscrición, que se pechará o 19 de marzo. Esta farase entregando o formulario no Rexistro xeral (rúa Presidente Salvador Allende) ou no Rexistro auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16). Unha vez confirmada a praza pola Concellería de Xuventude, formalizarase a inscrición entre o 23 e o 25 de marzo.
Na primeira das xornadas no Pena Aventura Park, o luns 30 de marzo, os participantes realizarán unha ruta de aventura polos pontes colgantes, un descenso en fantasticable e unha caza nocturna do tesouro. Para o segundo día programáronse actividades de paintball, segway, rafting e escalada, ademais dunha festa temática nocturna. Na terceira e última xornada, os mozos e mozas gozarán da Alpine Coaster, a nova montaña rusa deste campamento luso, ademais das actividades de salto negativo e tiro con arco.
O deporte de aventura é unha forma de ocio que pon á persoa en contacto directo coa natureza. Con esta actividade preténdese constituír unha iniciativa de ocio alternativo, fomentar a práctica deportiva e a adquisición de hábitos saudables, crear un punto de encontro no que compartir intereses comúns e promover a información, concienciación e sensibilización da poboación sobre o medio natural