Xunta e Concello de Poio acordan constituír unha comisión técnica para a mellora da seguridade viaria na estrada Pontevedra-A Lanzada

Ethel Vázquez en Poio
A Xunta e o Concello de Poio acordan constituír unha comisión técnica para avanzar na mellora da seguridade viaria na estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308). A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, o compromiso do seu departamento para a mellora desta estrada, unha actuación de ámbito urbano para a que reclamou a implicación do concello.
Nesta xuntanza tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Franscisco Menéndez; e representantes dos grupos municipais.
A primeira reunión desta comisión técnica constituída hoxe terá lugar o vindeiro 3 de marzo co obxectivo de abordar as actuacións necesarias e prioritarias a efectuar.
Ethel Vázquez instou ao Concello de Poio a colaborar coa posta á disposición dos terreos por tratarse da execución dunha obra de seguridade viaria e humanización nunha zona urbana.
Nos últimos anos a Xunta actuou nesta estrada, incluso de urxencia cando foi necesario, con máis de 1,5 millóns de euros investidos en obras como a mellora de seguridade viaria entre o p.q. 4+200 e 7+600, cun investimento de 1,4 millóns de euros (mellora de cruzamentos na zona de Combarro); ou a renovación da capa de rodadura na denominada “curva dos cotos” entre os p.q. 13+040 e 13+840, cunha achega de 260.000 euros.











