Xornalistas e bloggers de turismo descobren o Entroido de Verín
A Oficina de Turismo de Verín converterase, o vindeiro luns 16 de febreiro, no lugar de encontro de xornalistas e bloggers de turismo, que se acercarán ata a nosa vila para coñecer a festa máis emblemática, tradicional e recoñecida: o Entroido.
Devandito press-blog trip está organizado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración co Concello de Verín, co obxecto de amosar a importantes bloggers e xornalistas especializados no sector turístico o sentir do Entroido galego e a posibilidade de coñecer de primeira man as experiencias que se viven nel. Deste modo, doce profesionais da comunicación visitarán desde o sábado e ata o martes de Entroido as principais celebracións da comunidade autónoma, nas que coñecerán as actividades que se desenvolven ao longo desta festa en Galicia.
Dentro do programa de actividades previsto en Verín, nesta nova forma de promoción turística 2.0. na que o Entroido da vila do Támega será o pratogonista, os/as xornalistas e bloggers presenciarán o desfile do Domingo Gordo, e xa na xornada do luns percorrerán as rúas da zona histórica da localidade e coñecerán o Obradoiro do Cigarrón organizado polo Concello de Verín, así como a Sala de Exposicións e Oficina de Información Turística, onde o artesán Álvaro Ferreira Diéguez amosará as características do personaxe do Entroido verinense, as súas peculiaridades, as actividades programadas durante estas datas e a evolución desta festa declarada de interese turístico nacional. Tamén percorrerán adegas da Denominación de Orixe Monterrei, como Terra do Gargalo -propiedade do deseñador Roberto Verino- e o patrimonio cultural e natural da zona.











