publicidade hoxe

Xa se poden solicitar as bonificacións do Carné Xove para varios servizos municipais en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

San Sadurniño aprobou recentemente a modificación de varias ordenanzas para recoller os descontos do Carné Xove. Entre eles as destacan unha rebaixa do 50% nos servizos culturais e deportivos, a tramitación de expedientes urbanísticos ou os referidos a casamentos civís. Iso si, estas bonificacións non se aplican automaticamente senón que hai que ter o carné en vigor -que se pode tramitar na Oficina de Orientación Laboral- e presentar no Concello a correspondente solicitude, descargable desde a web municipal.

O Carné Xove é unha tarxeta persoal para a mocidade de entre 12 e 30 anos que serve principalmente para obter descontos tanto en servizos e actividades das administracións públicas como de empresas e comercios en practicamente toda Europa. Ademais, a tarxeta leva aparellado un seguro que cobre a asistencia ante a maior parte das continxencias que se poden producir durante unha viaxe, como pode ser un accidente, o roubo da equipaxe, o retraso nos medios de transporte ou a responsabilidade civil por danos que se causen de forma involuntaria.

Para obter a tarxeta abonda con pasar pola Oficina de Orientación Laboral, situada na planta baixa do Concello, onde lle axudarán ás persoas interesadas a cubrir toda a documentación. Son só dous papeis: un de solicitude e outro de autoliquidación da taxa de 6 euros que cobra a Xunta de Galicia por expedir o Carné Xove. Ademais, todos aqueles establecementos comercials de San Sadurniño que estean interesados en formar parte da rede para aplicarlles descontos aos mozos e mozas, tamén poden informarse na Oficina de Orientación Laboral.

Estar en posesión do Carné Xove ten vantaxes á hora de solicitar certos servizos municipais. Neste sentido, acaban de entrar en vigor as bonificacións dun 50 por cento no prezo da subministración da auga, no do saneamento, no das licenzas de autotaxi, no da limpeza de fincas e, seguramente o que máis lle interese á mocidade, nas licenzas de apertura dun establecemento, nos servizos asociados aos casamentos civís nas dependencias municipais, na tramitación de expedientes urbanísticos e no uso tanto de instalacións como de servizos culturais e deportivos. Cómpre ter en conta que estas reducións non se aplicarán de oficio, senón que en todos os casos haberá que pedir a bonificación no intre en que se solicite o servizo do que se trate e acreditando sempre a vixencia do Carné Xove.

26 de febreiro de 2015 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.