publicidade hoxe

Vilar de Santos recibe a devolución de cinco anos de facturación fraudulenta de Gas Natural-Fenosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilar de Santos
A-
A+
Europa Press

O Concello de Vilar de Santos recibiu, hai unha semana, a devolución de cinco anos de facturación “fraudulenta” da iluminación pública, a cargo da empresa Gas Natural-Fenosa, por unha contía de 45.949,62 euros, tras un proceso de reclamación iniciado en decembro de 2013.

O alcalde da localidade, Xan Jardón, explicou en rolda de prensa que dá por pechada a primeira fase da reclamación, despois de que a empresa pasase de defender que só tiña que devolver un ano de facturación incorrecta a ingresar na conta municipal a contía total de cinco anos “de facturación fraudulenta”. Isto produciuse sen chegar a xuízo ao resolverse no proceso de conciliación.

Jardón agradeceu a veciños, funcionarios e a Compromiso por Galicia -partido no que milita- o seu “pulo”, “traballo” e “apoio” durante todo o proceso, que agora permitirá destinar esa partida a proxectos en marcha como atención domiciliaria, vivenda comunitaria e escola infantil, así como a outros recén aprobados pola xunta de goberno local, para o desenvolvemento económico e industrial do municipio.

“Tiñamos razón”, foi a primeira conclusión manifestada polo rexedor. Non obstante, lamentou que as esixencias formuladas ante ao servizo de consumo da Xunta de Galicia. “Non nos respondeu aínda dende que presentamos en 2012 o expediente sancionador, e a empresa xa nos deu a razón”, apuntou Jardón, quen cualificou este feito de “grave e sen precedente”.

POSICIÓN DA FEGAMP

Tamén lamentou que unicamente Compromiso por Galicia fora a formación que avalou a súa reclamación “aínda que se pediu apoio a todos os grupos parlamentarios e ningún o deu”.

Aludiu, ademais, á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para recordar que, “ao parecer, tiña un acordo coa empresa”, pois había moitos municipios galegos en fase de reclamación. Neste sentido, considerou “grave que non fagan público ese acordo”.

Nese sentido, agregou que o Concello de Vilar de Santos está integrado na Fegamp e non ten constancia dese “acordo”.

Así mesmo, explicou que haberá unha segunda fase de reclamación na que pedirá á empresa distribuidora os intereses legais correspondentes á devolución, tras os cálculos da súa contía.

Por último “esixiu” que a Xunta reclame a Fenosa “unha compensación para os concellos galegos produtores de enerxía eléctrica”.

24 de febreiro de 2015 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.