Vigo é o concello máis transparente da comunidade acadando unha puntuación de 95 sobre 100

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Segundo o Índice de Transparencia dos Concellos (ITA), elaborado por unha organización internacional, Vigo é a cidade galega máis transparente, chegando á máxima puntuación en parámetros como transparencia económica e financeira ou urbanismo e obras públicas. Abel Caballero amosou este luns a súa “satisfacción” e avanzou que “seguiremos traballando para conseguir 100 sobre 100” puntos.

Vigo é o concello galego máis transparente na súa xestión, segundo a organización Transparencia Internacional España, que vén de analizar o nivel de transparencia de 110 concellos do país, tal e como revelou esta mañá o rexedor.

Vigo obtivo 100 puntos -a máxima cualificación- en epígrafes como economía e facenda, urbanismo e obras públicas ou indicadores de transparencia. Cunha puntuación media de 95 puntos, a cidade olívica está por riba doutras grandes cidades como Madrid (92,10 puntos), Valladolid (88,8) ou Valencia (81,3); ademais de ser a mellor posicionada de Galicia. A Coruña obtivo 83,8 puntos; Santiago, 66,3; Ourense, 90; Pontevedra, 43,8; Lugo, 72,5 e, finalmente, Ferrol, 71,3 puntos.

Abel Caballero ratificou que Vigo está “substancialmente por encima do resto de concellos de Galicia”, tras o que amosou a súa “satisfacción” e avanzou que “seguiremos traballando para conseguir 100 sobre 100” puntos.

2 de febreiro de 2015 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.