Vigo acollerá o Atlante Wine Forum o vindeiro 23 de febreiro
Vigo acollerá o vindeiro 23 de febreiro o Atlante Wine Forum, unha xornada de encontro, formación e traballo conxunto dalgúns dos máis reputados profesionais do mundo do viño que desenvolven a súa actividade no noroeste de España e norte de Portugal.
Durante un día, viticultores, bodegueiros, enólogos, sommeliers, barmans, distribuidores e empresarios do enoturismo daranse cita na sede Afundación en Vigo para debater e estudar conxuntamente os retos e as posibilidades do mundo do viño, desde a súa orixe na viña ata a súa chegada ó consumidor final.
A xornada foi presentada hoxe na Deputación de Pontevedra nunha rolda de prensa ofrecida por Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño (entidade organizadora do encontro), e por Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, institución que, a través de Turismo Rías Baixas, é unha das patrocinadoras do Atlante Wine Forum.
Cannas indicou que “se trata de ofrecer unha visión internacional, e cun ambiente académico, e de compartir con todos os participantes da cadea experiencias e liñas novas para o sector do viño”.
A xornada desenvolverá tres relatorios pola mañá, contará cunha masterclass e terá espazos para o debate e a aprendizaxe, pois “queremos que haxa unha participación activa dos aproximadamente 200 asistentes”, manifestou Cannas.
Segundo el, “é a primeira vez que se fai algo similar en Galicia; é unha oportunidade histórica para o sector, para a busca da excelencia, algo no que é clave a formación de profesionais de presente e de futuro”.
No Atlante Wine Forum participarán relatores de máximo nivel mundial coma Marc Álvarez, do grupo BCN.0; Dimitris Leivadas, do restaurante londiniense The Fat Duck; Peter Richards, Master of Wine; Claude Bourgignon, francés fundador do Laboratorio de Análise Microbiolóxica do Solo; Rafael del Rey, director xeral da Fundación Observatorio Español do Mercado do Viño; Fernando Gallardo, crítico de El País; Ferrán Centelles, de El Bulli; Cristina Alcalá, xornalista; Pedro Mansilla, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro; e o propio Xoán Cannas.
O presidente da Deputación cualificou de “emblemáticos” os viños atlánticos, pero coa necesidade dunha gran potenciación e promoción. Dixo que o foro que se desenvolverá en Vigo “supón unha aposta por redobrar a calidade dos nosos viños e os procesos de internacionalización e reforzamento da súa posición no mercado”.
Atlante Wine Forum conta co patrocinio de Turismo Rías Baixas, Travecor, a DO Ribeiro, Galicia Calidade e Cabreiroá.











