UPyD denuncia que o Parque Infantil de Río do Tronco non cumpre a normativa de seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A delegación Local de UPyD Ferrolterra considera que o novo Parque Infantil incluído nas obras de remodelación da Praza de Río do Tronco foi inaugurado de forma precipitada por parte do Concello de Ferrol, pois a pesar de custar ás arcas municipais un total de 453.000 euros, adoece de defectos de construción e incumpre o Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís.

Este Decreto no seu artigo 6, establece que en todos os parques infantís debe figurar, de forma doadamente lexible, carteis que conteñan, polos menos a situación do teléfono público e centro sanitario máis próximo, o número de teléfono do servizo encargado do mantemento e reparación de danos, a obriga de que os menores de 3 anos estean sempre acompañados, as prohibicións de circulación de vehículos a motor, uso de xogos a maiores de idade, de acceso de animais ao parque e a recomendación de uso dos xogos por tramos de idade.

Ademais do incumprimento da normativa obsérvase unha severa deficiencia na calidade dos materiais e do proceso de construción, pois algunha das pranchas de madeira xa está rota ou descolgada a dous meses da súa inauguración.

Isto podería terse evitado cun axeitado servizo de vixilancia de obras e auditoría de calidades como xa propuxo UPyD fai xa meses, en lugar diso o observamos un sobrevido afán de inaugurar obras o antes posible con vistas a captar o voto dos cidadáns de Ferrol, antepoñendo este obxectivo á seguridade e o confort destes.

UPyD avoga pola creación de máis espazos de entretemento infantil, dotados cos medios necesarios para que todos os usuarios poidan realizar actividades saudables e de interrelación sen que a súa integridade se vexa comprometida e en caso de que acontecese algún infortunio, teñan á súa disposición todos os medios e información necesaria para que a actuación sexa o máis rápida posible, minimizando así os posibles efectos adversos que se puidesen producir.

17 de febreiro de 2015 | 20:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.