Uns 800 escolares de once centros de ensino de Ferrol súmanse ao programa “Cinensino 2014-2015”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, retoma o vindeiro luns, día 9 de febreiro, o programa “Cinensino 2014-2015” dirixido ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Un total de 800 estudantes de Secundaria, pertencentes a once centros educativos do termo municipal, participarán neste programa para a prevención da drogodependencia.

Así as cousas, escolares de 1º e 2º de ESO dos centros de ensino da cidade asistirán no Teatro Jofre á proxección de películas. Os menores asistirán os días 9 e 10 de febreiro, 12 e 13 de marzo, e 7 e 8 de maio, en dúas quendas por día, á proxección dos seguintes films: “El camino de vuelta”, “Diamantes Negros” e “The Kings of Summer”. Así mesmo, os estudantes traballarán unidades didácticas que abordarán temas como a autoestima como factor de protección fronte ao consumo, a resistencia á frustración como protección fronte ao consumo de sustancias, ou as relación familiares satisfactorias e fluidez na comunicación pais – fillos.

Os centros educativos do municipio ferrolán que participarán, tanto públicos como concertados, en “Cinensino 2014-2015” son: o Sagrado Corazón Mercadarias, IES Ferrol Vello, IES Canido, Santa Juana de Lestonnac, IES Sofia Casanova, IES Saturnino Montojo, Cristo Rei, Valle Inclán, IES Ricardo Carvallo, Tirso de Molina e IES Catabois.

Estes estudantes de Secundaria súmanse así aos máis de 1.000 escolares de Primaria que esta semana iniciaron este ciclo de formación en valores a través do cine.

6 de febreiro de 2015 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.