Uns 300 estudantes de ferrol asistirán a representación da obra teatral “Té con Kant”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, organiza mañá venres unha representación da obra teatral “Té con Kant” para os centros de ensino de Educación Secundaria e Bacharelato da cidade. A función terá lugar en dous pases, un ás 10:00 e outro ás 12:00 horas, na capela do Centro Cultural Torrente Ballester. Arredor de 300 alumnos e alumnas dos centros educativos da cidade participarán nesta actividade de dinamización da lingua galega impulsada polo Concello de Ferrol.

“Té con Kant” é un espectáculo que combina o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía onde dúas mulleres ilustradas chegan dende as Pontes de Königsberg ata unha ponte de Galicia nunha viaxe no tempo. A partir de aquím as protagonistas exercen como axitadoras filosóficas coa pretensión de remover e promover á reflexión (e acción) do público asistente arredor da problemática social e moral nos nosos días.

A obra recibiu críticas moi positivas, tendo unha boa acollida entre o público xuvenil polo contido e a temática abordada dada a conexión directa que se establece cos contido de materias docentes, como a historia ou a filosofía dentro dos cursos de bacharelato e últimos anos de secundaria.

26 de febreiro de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.